O titular do Goberno galego participou hoxe na entrega dos Premios Extraordinarios 2019 e 2020 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Feijóo destaca que o sistema educativo galego é un referente en toda España grazas á aposta da Xunta pola “cultura do esforzo” fronte aos modelos que promoven o “aprobado xeral”

Lembra que Galicia logrou reducir a taxa de abandono escolar á metade desde 2009 e é a segunda comunidade con maior porcentaxe de alumnos de ESO que titula


Resalta o impulso da Formación Profesional, cun 74% máis de estudantes desde o curso 2008/2009
 


 

Santiago, 20 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta tarde que o sistema educativo galego “é un referente en toda España” grazas a aposta do Goberno galego a favor “da cultura do esforzo e o traballo”, fronte “a outros modelos que promoven o aprobado xeral”. Durante a entrega dos Premios Extraordinarios 2019 e 2020 da Consellería de Educación, Feijóo resaltou a importancia de que os alumnos adquiran valores coma “o esforzo, a constancia e a dedicación”.

Feijóo, que agradeceu a alumnos, familias e persoal dos centros o seu labor para avanzar na mellora continua do sistema educativo, resaltou que Galicia logrou reducir á metade a taxa de abandono desde 2009. “Era de case o 26% e pasou ao 12% en 2020”, indicou o presidente, que tamén salientou que Galicia é a segunda comunidade onde máis estudantes de ESO logra titular (o 96%) e é a Comunidade máis inclusiva xa que o 93% de alumnado con necesidades especiais estuda nun centro ordinario. Ademais, sitúase líder en áreas coma Matemáticas, Ciencias ou Lectura, segundo o informe PISA.

Entre as medidas levadas a cabo pola Xunta nos últimos anos para acadar estes resultados, o presidente lembrou a aposta pola inclusión con 4.000 profesionais destinados á atención a diversidade, a aposta pola dixitalización a través de ferramentas como a Estratexia de Educación Dixital 2030 -dotada de 120 millóns de euros para os próximos tres anos- ou o plurilingüismo, con 100.000 alumnos este curso que se benefician de medidas como seccións bilingües ou auxiliares de conversación nas aulas.

Ademais fixo especial fincapé no impulso da Formación Profesional na Comunidade, onde o número de alumnos matriculados aumentou un 74% desde o curso 2008/09 ao pasar dos 34.700 galegos que cursaban un ciclo de FP nese ano académico aos 60.000 da actualidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta incrementou a oferta de ciclos, creou os másters de FP e fomentou a colaboración coas empresas para impulsar esta formación.

Premiados

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade entregou hoxe os Premios Extraordinarios de ESO ao rendemento académico e ao esforzo e superación persoal e os Premios Extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais 2019 así como os Premios Extraordinarios de FP de Grado Superior, de Bacharelato, de ESO e ensinanzas artísticas 2020. Un total de 130 alumnos recibiron este recoñecemento nunha gala conxunta para os gañadores das dúas últimas edicións debido a que o acto de entrega do ano pasado tivo que aprazarse por mor da pandemia.

 

Imaxes relacionadas