A Xunta incrementa un 4,2% a convocatoria posdoutoral de 2022 ata alcanzar un orzamento de case 10 M€ para apoiar 72 novos contratos de investigación científica

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello da Xunta aprobou incrementar un 4,2% a convocatoria posdoutoral de 2022 ata alcanzar un orzamento de case 10 millóns de euros para apoiar 72 novos contratos de investigación científica.

Na modalidade de apoio á etapa de formación posdoutoral convócanse 49 axudas por 7,4 millóns de euros, o que supón un 7,2% máis que o ano pasado. Neste caso os usuarios accederán a un contrato de 3 anos de investigador por un salario bruto anual de 32.000 euros, a pluses por estadía no extranxeiro e un complemento de 500 euros brutos mensuais para os bolseiros Fullbright durante as súas estadías en Estados Unidos.

No tocante ás axudas de continuidade, convocaranse 23 axudas por 2,37 millóns de euros. 20 serán para universidades galegas e 3 para o resto de entidades beneficiarias. Os beneficiarios terán un contrato de dous anos e unha axuda total máxima de 49.000 euros anuais, incluíndo salario e o acceso a axudas complementarias para crear unha liña de investigación propia.

Como novidade este ano, dando cumprimento á lei de igualdade, inclúense mecanismos correctores no sistema de puntuacións da convocatoria para evitar discriminacións por razóns de xénero, paternidade, risco durante o embarazo ou razón de violencia de xénero entre outros

Imaxes relacionadas