Trenor presenta en Fitur a Costa da Morte como un destino con personalidade propia ligada á natureza, ao patrimonio, a gastronomía e ao Camiño de Santiago

O delegado territorial da Xunta participou na presentación de “Costa da Morte naturalmente salvaxe, Cee Ano Xubilar, Camiño Solpor: O Camiño de Santiago de Fisterra a Muxía”, organizada polo xeodestino Costa da Morte

Trenor destacou que Galicia superou os peores anos para o turismo presentándose como un destino aberto e seguro tendo como eixo central o Xacobeo
 

Madrid (A Coruña), 21 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta tarde, na ponencia “Costa da Morte naturalmente salvaxe, Cee Ano Xubilar, Camiño Solpor: O Camiño de Santiago de Fisterra a Muxía”, dentro das presentacións da programación de Galicia, que se levaron a cabo na 42 edición de Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid.

O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “Galicia superou os peores anos para o turismo presentándose como destino aberto e seguro ao turismo interno, nacional e internacional e tendo como eixo central o Xacobeo”. Neste senso, apuntou que “en todas as nosas propostas conflúen os valores tradicionais da oferta turística galega coa imaxe dunha Galicia nova en constante transformación, co Camiño de Santiago como principal atractivo turístico”.

Concretamente, subliñou, “afrontamos o segundo ano do Xacobeo despois de demostrar no 2021 cunha idea clara que calou entre os visitantes que Galicia era un destino seguro e iso levounos a bater records no que á recuperación do sector refírese a pesar da pandemia”.

O representante do Goberno autonómico destacou que “a suma dos 12 concellos que conforman a fachada atlántica desta área converten a esa comarca nun dos espazos máis naturais e singulares de Galicia. Estamos nun territorio con personalidade propia ligada ao mar máis bravo de todo o sur de Europa”.

Trenor apuntou “que os visitantes non deixan de sorprenderse coa espectacularidade da paisaxe, a riqueza patrimonial a oferta gastronómica dun territorio que ofrece ademais outro final ao Camiño de Santiago, a única ruta que non remata en Compostela.

O delegado da Xunta rematou a súa intervención apuntando que “este ano e no 2023 esta comarca contará cun evento máis que servirá de reclamo para visitantes e turistas a celebración de Cee : Ano Xubilar, actos que por suposto contarán co apoio da Xunta”.

 

Imaxes relacionadas