A Xunta destaca a recuperación do 99% da demanda turística prepandemia nos apartamentos turísticos, cámpings e turismo rural

Con preto de 588.000 viaxeiros e case 1,9 millóns de noites no conxunto, os establecementos extrahoteleiros demostraron ser a tipoloxía de aloxamento con mellor recuperación da súa demanda en Galicia.

Galicia pecha 2021 rexistrando un total de 4,2 millóns de viaxeiros e preto de 9 millóns de noites.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro 2022
Compartir
  • whatsapp

Os establecementos extrahoteleiros galegos, que engloban aos apartamentos turísticos, os cámpings e o turismo rural, pecharon 2021 recuperando o 99% da súa demanda turística prepandemia, segundo se desprende dos datos achegados hoxe polo INE. Con preto de 588.000 viaxeiros e case 1,9 millóns de noites, demostraron ser a tipoloxía de aloxamento con mellor recuperación da súa demanda en Galicia.
Coa suma destes datos, Galicia pecha 2021 rexistrando un total de 4,2 millóns de viaxeiros e preto de 9 millóns de noites no conxunto dos aloxamentos regrados. Estas cifras tradúcense no liderado de Galicia na recuperación da demanda turística ao longo de todo o ano pasado, xa que superamos nun 85% a demanda de 2020 na cifra de viaxeiros aloxados e nun 76% o volume de noites.
Con respecto ao ano récord de 2019, o noso territorio recuperou un 77% da demanda turística prepandemia no conxunto de todo o aloxamento regrado (establecementos hoteleiros e extrahoteleiros), o que nos permitiu manter un comportamento 22 puntos mellor ca media nacional e situarnos como a 2ª CC.AA con mellor comportamento en viaxeiros e a terceira en pernoitas respecto a 2019 en termos relativos, por detrás de Asturias e Navarra.

Cifras históricas para os extrahoteleiros

O 70% das noites que os viaxeiros pasaron en Galicia foron en hoteis, pero son os establecementos extrahoteleiros os que pecharon ano con mellor ritmo de recuperación. Apartamentos turísticos e cámpings, por exemplo, marcaron cifras históricas, superando as cifras mesmo de 2019 en case 5 puntos no caso dos apartamentos turísticos e en seis puntos no de cámpings.
Nas restantes tipoloxías de aloxamento a recuperación foi do 75% no turismo rural e do 70% no caso dos hoteis, que marcan a porcentaxe de ocupación máis elevada do conxunto da oferta de aloxamentos. No que atinxe á procedencia, no conxunto do ano o turismo de orixe nacional absorbeu o 87% da demanda, quedando o restante para o mercado internacional (13%).

Imaxes relacionadas