O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá as actuacións encadradas no traballo que se vén realizando desde a Xunta para reforzar a seguridade viaria, a accesibilidade e a integración paisaxística dos Camiños de Santiago

Gabriel Alén supervisa as obras de reforzo da seguridade viaria na OU-113 ao seu paso por Laza

Gabriel Alén explicou que nesta actuación, encamiñada a favorecer a seguridade, a comodidade e a experiencia do peregrinos, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste preto de 36.000 euros

Son 13 as actuacións na Vía da Plata ao seu paso pola provincia, con melloras en treitos coincidentes coas estradas OU-112 e OU-113, en Laza; tamén na OU-311, na Mezquita; e na OU-154, en Piñor


O delegado territorial mantivo na Casa do Concello un encontro co alcalde, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica
 

Ourense, 04 de febreiro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Laza, José Ramón Barreal, as obras de colocación dunha pasarela na OU–113, no lugar de Soutelo Verde, para reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade no treito paralelo desta estrada coa Vía da Plata, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste preto de 36.000 euros.

As actuacións consisten na creación dunha cuneta transitable de 1, 5 metros de ancho, no tramo da OU-113 PK 29+650 a 35+150, executando previamente a retirada de capa de terra vexetal, posterior escavación, recheo e apisoando a gabia ata alcanzar a cota necesaria para executar o firme de formigón da cuneta transitable como senda do camiño.

Gabriel Alén subliñou que esta é unha das actuacións que a Xunta está a desenvolver nos treitos das vías autonómicas coincidente coa traza da Vía da Plata para reforzar a seguridade viaria e favorecer o tránsito dos peregrinos, que suporán un investimento autonómico próximo aos 225.000 euros.

Tamén informou o delegado que a Xunta está a levar a cabo un total de 13 actuacións na provincia de Ourense e 1 na de Pontevedra na contorna deste Camiño de Santiago, co fin de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nos cruzamentos ou treitos da Vía da Plata coas estradas autonómicas.

En Ourense, os traballos céntranse na estrada OU-113 no concello de Sarreaus, 8 actuacións máis no termo municipal de Laza e unha intervención no concello da Mezquita; e na OU-154, ao seu paso por Piñor.

As intervencións consisten, fundamentalmente, na construción de sendas para favorecer un tránsito máis cómodo e seguro dos peregrinos; na execución de muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos; na instalación e reforzo da sinalización; ou en calquera outra actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade nos treitos da rede autonómica de estradas coincidentes na traza coa ruta xacobea.

As obras no concello de Laza están incluídas nas 70 actuacións que o departamento que dirixe Ethel Vázquez está a executar nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun investimento autonómico global de 1,4 millóns de euros.

Estas intervencións encádranse no traballo que vén realizando a Xunta para reforzar a seguridade viaria, a accesibilidade e a integración paisaxística dos Camiños de Santiago, con actuacións levadas a cabo nos últimos anos en diversas vías autonómicas e que suman un investimento de 3,5 M€. A estas súmanse as intervencións que se están a ultimar de integración paisaxística dos Camiños á súa entrada na cidade de Compostela, ás que a Xunta destina máis de 12 M€.

Estas melloras encamiñadas a favorecer a seguridade, a comodidade e a experiencia do peregrinos estarán listas para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.

Reunión co alcalde

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, mantivo na Casa do Concello un encontro co alcalde, José Ramón Barreal, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica. Así, durante a xuntanza fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.

Gabriel Alén puxo en valor os recentes investimentos do Goberno galego no municipio, como os preto de 38.000 euros de axuda da Consellería do Medio Rural para o Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas; ou os 15.000 euros da Axencia Turismo de Galicia para a mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos do Camiño de Santiago.
 

Imaxes relacionadas