O titular do Goberno galego inaugurou esta mañá o encontro El impacto de los Fondos Next Generation en Galicia, organizado por APD e Deloitte

Feijóo pide unha cogobernanza responsable dos fondos europeos para que supoñan unha oportunidade "histórica"

Incide en que a lentitude no reparto pode conlevar a unha ineficacia non menor e a un desaproveitamento das oportunidades

Recorda que Galicia conta cunha candidatura sólida, na que se aposta pola colaboración público-privada, por traballar man a man todos os axentes e por sectores estratéxicos para a Comunidade

Santiago de Compostela, 15 febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, demandou hoxe ao Goberno central unha cogobernanza responsable dos fondos europeos para que supoñan, dixo, unha oportunidade “histórica”.

“Estamos a falar de máis transparencia, máis igualdade de condicións e unha garantía de que os fondos cheguen ás pemes, para mellorar a nosa competitividade”, dixo, durante a inauguración do encontro El impacto de los Fondos Next Generation en Galicia, organizado por APD e Deloitte; ao tempo que incidiu en que a lentitude no reparto pode conlevar a unha ineficacia non menor e a un desaproveitamento das oportunidades.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que para afrontar esta nova etapa de recuperación e reconstrución da economía é preciso ter certezas. E, nesta liña, puxo en valor o papel desenvolvido polo tecido empresarial galego que, unha vez máis, durante a pandemia soubo adaptarse aos cambios, acreditando a competitividade da nosa economía.

Así, a pesar das dificultades, resaltou que: o PIB está a rexistrar un mellor comportamento que a economía española, cun crecemento medio do 5,3%; o IPI medrou na Comunidade un 8,2% en 2021 fronte ao 7% da media estatal, o que supón o maior aumento de toda a serie histórica; e, á espera de coñecer os datos de decembro, Galicia xa bateu o seu récord histórico de exportacións, cun volume de máis de 23.100 millóns de euros.

“Somos ademais a terceira autonomía do réxime común con menos ratio de endebedamento; e pechamos o primeiro semestre de 2021 sendo a que paga máis rápido as súas facturas a provedores”, precisou.

Diante destas cifras, aseverou que os fondos europeos supoñen unha oportunidade que Galicia non quere desaproveitar, para conseguir a recuperación económica. Para saír desta crise impulsando a transformación e modernización do tecido empresarial galego, especialmente das pemes. E para avanzar cara á Galicia do futuro: máis verde e sostible; cun tecido empresarial no que a innovación e a dixitalización formen parte do seu ADN; e cohesionada social e territorialmente, “onde o rural teña o peso axeitado na economía”.

Fronte á celeridade e equidade que esixe un reparto como o destes fondos, o presidente autonómico salientou que, ata o de agora, o proceso está marcado pola arbitrariedade e pola lentitude. Se ben, recordou que Galicia presentou unha candidatura sólida, na que se aposta pola colaboración público-privada, por traballar man a man todos os axentes e por sectores estratéxicos para a Comunidade: automoción -co proxecto AutoÁncora-; biotecnoloxía e saúde personalizada -crear unha nova fábrica de vacinas ou a consolidación da incubadora de novos fármacos-; agroalimentario -con proxectos como o de Anfaco-Cecopesca-; economía circular -cun centro de transformación de xurros en fertilizantes e biogás-; e forestal -cunha fábrica de fibras téxtiles-.

Imaxes relacionadas