O titular da Xunta participou hoxe no coloquio Un Vigo aberto nunha Galicia mellor

Feijóo salienta que o Goberno só foi capaz de resolver o 20% dos fondos Next Generation destinados directamente ás empresas en 2021 e urxe máis axilidade e cogobernanza no reparto

Incide en que os fondos europeos para a reactivación económica son unha oportunidade histórica; “e este atasco -afirma- pon en perigo unha recuperación rápida e eficaz”

Recorda que só 1 de cada 4 euros dos fondos europeos son xestionados polas comunidades e avoga por abrir a xestión

Neste trance decisivo da reconstrución, asegura que Galicia precisa dese gran Vigo aberto, co que a Xunta está comprometido

Vigo, 16 febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Goberno só foi capaz de resolver o 20% dos fondos Next Generation, que convocou e que se destinan directamente ao tecido produtivo en 2021. Neste sentido, urxiu ao Goberno central máis axilidade e cogobernanza no reparto, pois cómpre lembrar que foi o propio Executivo central o que se reservou o 100% dos fondos para proxectos industriais.

Durante a súa participación no coloquio Un Vigo aberto nunha Galicia mellor, Feijóo incidiu en que os fondos europeos para a reactivación económica son unha oportunidade histórica; “e este atasco -afirmou- pon en perigo unha recuperación rápida e eficaz”.

Ante esta situación, e logo de recordar que só 1 de cada 4 euros dos fondos europeos son xestionados polas comunidades, avogou por abrir a xestión, “porque a economía e a empresa de Galicia -aseverou- non merecen ser espectadoras dunha obra na que son as verdadeiras protagonistas”.

Nesta liña, resaltou novamente que Galicia presentou unha candidatura sólida, na que se aposta pola colaboración público-privada, por traballar man a man todos os axentes e por sectores estratéxicos para a Comunidade: automoción, biotecnoloxía e saúde personalizada, agroalimentario, economía circular e forestal.

Un Vigo aberto co que a Xunta está comprometido

Neste trance decisivo da reconstrución, o presidente da Xunta asegurou que Galicia precisa dese gran Vigo aberto, que abrazou as súas aspiracións e multiplicou as oportunidades. “Un Vigo aberto co que a Xunta está comprometido”, dixo, expoñendo os vindeiros fitos da acción de goberno.
Nesta folla de ruta, confirmou que a finais do vindeiro mes de marzo rematarán as obras da Cidade da Xustiza, tras un investimento de 43 millóns de euros. “E tamén nese mesmo mes finalizarán as obras da estación de buses da intermodal -18M€-, aínda que para o seu funcionamento precisamos a posta en servizo dos accesos por parte do Concello; e rematarase a ampliación do IFEVI -7,3M€-, así como o proxecto de execución da nova residencia de maiores“, engadiu.

Así mesmo, lembrou que a Administración autonómica segue pendente do Concello para licitar as obras da urbanización do Campus do Mar da ETEA, ademais de avanzar que, nos vindeiros meses, dará comezo a construción do módulo cuberto de atletismo e rematarase a lonxa de Canido.

En relación á actividade económica, precisou que en abril finalizará o terceiro prazo de adxudicación de solo na PLISAN, a maior bolsa de solo industrial de Galicia. E no eido sanitario, resaltou que, unha vez operativo o centro de saúde de Bouzas e xa licitadas as obras do Centro de saúde integral Olimpia Valencia, neste 2022 destinaranse 2,6 millóns de euros para actualizacións permantentes no Álvaro Cunqueiro e, na primeira metade do ano, porase fin á mellora da climatización do Meixoeiro.

En materia educativa, Feijóo asegurou que neste ano a Xunta seguirá rehabilitando e mellorando centros como o Conservatorio de Música e o IES San Tomé de Freixeiro, entre outros; e avanzarase nos proxectos dos centros de FP Manuel Antonio e Valentín Paz Andrade.

No tocante á vivenda, lembrou que nas vindeiras semanas entregaranse as chaves de 26 vivendas novas de promoción pública da rúa Canicouva; continuarase coa rehabilitación de vivendas no casco vello; e licitarase, “despois de agardar máis dun ano”, a urbanización do polígono 1 de Navia, ademais de seguir avanzando para achegar 1.600 vivendas públicas e impulsar nesta mesma zona un novo instituto, se o Concello pon a disposición os terreos axeitados.

Por último e co obxectivo de facer un Vigo aberto e máis verde, o titular do Goberno galego referiuse ao compromiso da Autoridade Portuaria e da Xunta de humanizar Beiramar, co novo carril bici; ao obxectivo de executar as melloras do saneamento de Teis, así como a apostar polo plan contra inundacións do Lagares, con 7 millóns de euros de investimento.

Imaxes relacionadas