Acompañado da alcaldesa, membros da corporación municipal e dun representante da Deputación Provincial de Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisa distintas actuacións no CPI Virxe dos Remedios e o remate das obras da cuberta do pavillón municipal de Castro Caldelas

Gabriel Alén visitou as obras de reparación da cuberta do patio exterior do colexio e a nova soleira do outro patio do centro, nas que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu en 2021 máis de 47.800 euros e 48.122 euros respectivamente

O delegado territorial explicou que as obras no pavillón deportivo supuxeron unha achega de 47.000€ por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e 15.000€ con cargo á Administración provincial

Ourense, 11 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá o pavillón de deportes de Castro Caldelas vinculado ao CPI Virxe dos Remedios para supervisar o remate das obras da súa cuberta tralos danos que sufrira polo paso de frontes climatolóxicas adversas no pasado inverno.

Gabriel Alén, que percorreu as instalacións coa alcaldesa, Sara Ines Vega, membros da corporación municipal e do deputado provincial de Cooperación e Seguimento do Plan de Mandato 72/73, Pablo Pérez, en representación da Deputación Provincial de Ourense, sinalou que estas obras supuxeron unha achega de 47.000€ por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e 15.000€ con cargo á Administración provincial tralo convenio asinado co concello de Castro Caldelas.

Obras importantes, segundo o delegado territorial, parar velar pola seguridade e total desfrute dos nenos e nenas que fan uso das instalacións deportivas; pois esta construción, de propiedade municipal, serve de apoio didáctico ás actividades deportivas e de lecer do centro educativo.

O representante do Goberno galego supervisou tamén as obras da reparación da cuberta do patio exterior do colexio e a nova soleira do outro patio do centro, nas que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu en 2021 máis de 47.800 euros e 48.122 euros respectivamente; e lembrou que en 2020 a Xunta achegou máis de 20.000 euros no soterramento de cables e melloras eléctricas do CPI Virxe dos Remedios.

Gabriel Alén explicou que este tipo de accións encadran na filosofía do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que pivota nunha parte académica (con espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital e xeradores de inclusión), nunha parte infraestrutural (con espazos máis amplos, saudables e unha maior integración coa contorna) e nunha parte de sustentabilidade acorde coas novas esixencias de eficiencia enerxética e respecto medioambiental.

No que atinxe ás infraestruturas propiamente ditas, as novas reformas, acondicionamentos e construcións seguirán unhas pautas construtivas homoxéneas, cunha identidade corporativa específica, aínda que axustada ás contornas nas que se inxiren, sexan do ámbito rural ou urbano.

A rede de centros de ensino públicos en Galicia está formada por máis de 1.000 colexios e institutos repartidos desde os concellos máis pequenos do rural (con menos de 2.000 habitantes) ata as grandes cidades. De feito, nove de cada dez concellos contan cunha infraestrutura educativa para servizo dos seus cidadáns.

Imaxes relacionadas