A Xunta remata a execución das obras de 3 colectores e un pozo de bombeo en Orto e Crendes, no concello de Abegondo, tras un investimento de 910.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, entregoulle hoxe as novas infraestruturas hidráulicas ao Concello

Construíuse unha nova rede que incorpora un sistema de impulsión para desembocar as augas na rede xa instalada anteriormente e de aí á depuradora de Beldoña

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou a execución das obras de tres colectores e un pozo de bombeo en Orto e Crendes, no concello de Abegondo. A titularidade das novas infraestruturas acaba de ser entregada ao Concello.

Esta actuación para a mellora do sistema de saneamento no municipio contou cun investimento de 910.000 euros e enmárcase no convenio de colaboración asinado co Concello de Abegondo, polo que a Xunta financiou arredor do 80% do orzamento deste proxecto, achegando o orzamento restante a entidade local.

As obras entregadas hoxe á entidade municipal centráronse na construción dunha nova rede de saneamento que permite a captación das augas e que incorpora, para salvar a orografía do terreo, un sistema de impulsión das augas residuais que agora desembocan na rede de saneamento, xa previamente instalada, e desde aí á estación depuradora de Beldoña.

Esta nova intervención incluíu a execución de 3 conducións principais, complementadas con un pozo de bombeo, coa súa impulsión. O novo pozo de bombeo consta de 4 m3 de capacidade útil e está equipado con dúas bombas cunha capacidade total de 4,34 l/s.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo que cando estea executado na súa totalidade permitirá completar integramente o saneamento das parroquias de Orto e Crendes.

Estas obras hidráulicas deron continuidade ás xa rematadas en 2019, nunha primeira fase, nestes núcleos de Abegondo, mediante a achega dun orzamento autonómico de 220.000 euros.

Os traballos acometidos nesa primeira fase consistiron na instalación de cinco colectores por gravidade, cun total de 4.200 metros de lonxitude, dúas impulsións de 1.939 e 1.479 metros respectivamente e dous pozos de bombeo.

O obxectivo destas actuacións é dotar estas parroquias dun sistema de saneamento e depuración que responda ás necesidades da poboación. Así, o proxecto no seu conxunto dará servizo a preto de 1.500 habitantes desta contorna para o ano 2042.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente.
 

Imaxes relacionadas