Feijóo refírese ao novo albergue de Oseira como exemplo da aposta polo patrimonio e o camiño, cunha rede pública de albergues que rematará este 2022 con 78 centros

Resalta que os fondos europeos de recuperación, ademais de axudar a trazar a Galicia do futuro no eido da industria e a innovación, axudarán a impulsar o turismo, cun Plan Xacobeo Next Generation dotado con máis de 39 millóns de euros

Nese compromiso co sector, salienta iniciativas como o Bono Turístico, cuxa terceira edición rexistrou nas primeiras doce horas 20.000 solicitudes
 

San Cristovo de Cea (Ourense), 28 de marzo de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao novo albergue de peregrinos do Mosteiro de Santa María a Real de Oseira como exemplo da aposta polo patrimonio e o Camiño de Santiago, cunha Rede pública de albergues que remará este 2022 con 78 centros.

Tras un investimento dun millón de euros, Feijóo subliñou que esta nova obra ofertará 42 prazas, que se suman ao obxectivo de poñer a disposición dos peregrinos da Vía da Prata, antes de Semana Santa, un total de 74. Deste xeito, coa incorporación deste albergue, máis o de Piñor e Riós, serán 16 edificios os que integren esta ruta, chegando ás case 520 prazas públicas.

Nesta mesma liña, resaltou que os fondos europeos de recuperación, ademais de axudar a trazar a Galicia do futuro no eido da industria e a innovación, axudarán a impulsar o turismo, cun Plan Xacobeo Next Generation dotado con máis de 39 millóns de euros. “E dentro deste plan, Ourense xogará un papel importante, co fin de converter o Camiño Mozárabe-Vía da Prata en destino cicloturista e familiar”, precisou, referíndose tamén á recuperación da Fortaleza de Monterrei, Ben de Interese Cultural ao que se destinarán de 14 millóns.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta reiterou o compromiso do Goberno galego co sector turístico, con iniciativas como o Bono Turístico, cuxa terceira edición rexistrou nas primeiras doce horas 20.000 solicitudes.

Visita na Coruña ao Centro de Acollida de Refuxiados que xestiona Accem

O presidente da Administración autonómica, visitou tamén esta mañá a sede de Accem, unha das entidades designadas para acompañar nas súas primeiras semanas ás persoas desprazadas pola invasión rusa de Ucraína.

Logo de coñecer de primeira man a dramática experiencia que están a vivir estas familias, Feijóo salientou que segundo as estimacións das entidades sociais, en Galicia, xa están residindo preto dun milleiro de persoas chegadas de Ucraína nas últimas semanas, ás que o Goberno galego está xa a poñer a súa disposición todos os servizos da comunidade, tanto no ámbito sanitario, como educativo, social e laboral. ”E seguiremos ampliando a nosa coordinación, imprescindible neste momento”, dixo, incidindo na necesidade de saber cantas persoas chegan a Galicia para poder atendelas de forma eficiente.

O titular da Xunta aproveitou a visita para agradecer a resposta de toda a sociedade galega e lembrou que quen fale ucraíno ou ruso, pode poñerse en contacto coa Xunta a través do enderezo emerxencia.ucraina@xunta.gal, porque o seu papel é fundamental nesta fase.

Así mesmo, quen queira prestar o seu tempo para colaborar na integración dos refuxiados, pode facelo a través do voluntariado, nunha das entidades sociais dedicadas á protección internacional. E os que queiran facer unha doazón, poden facelo ás entidades que teñen presenza nese país, co obxectivo de garantir así que cheguen con axilidade á xente que o precisa.
 

Imaxes relacionadas