O presidente da Xunta avanza a autorización da sinatura do convenio co Executivo central para executar o Plan para o acceso á Vivenda 2022-2025, cun orzamento de 106 M€

Subliña que, destes programas, os 4 que se convocarán no mes de xullo son as axudas directas ao alugueiro, os incentivos para compra de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, o bono de alugueiro social e as axudas de accesibilidade

Así mesmo, indica que a finais deste ano se porá en marcha un programa para a promoción de aloxamentos dirixidos a persoas maiores ou con algunha discapacidade e outro para promover solucións residenciais como vivendas cooperativas ou tipo ‘cohousing’

As liñas incluídas no plan virán completar o amplo abano de subvencións, incentivos e préstamos que xestionará o Instituto Galego da Vivenda e Solo ao longo de 2022, ata sumar un total de preto de 160 M€
 

 

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda Valenzuela, avanzou hoxe tras a reunión do Consello da Xunta, a autorización da sinatura do convenio co Executivo central que permitirá empezar a executar o Plan para o acceso á vivenda 2022-2025, dotado cun orzamento plurianual de 106 millóns de euros.

 

Entre todos os programas incluídos no novo Plan, a Xunta seleccionou os 7 que considera que mellor se axustan á situación e ás necesidades particulares da Comunidade e que, ademais, tampouco interfiren con outras liñas de carácter autonómico xa implantadas en Galicia, co fin de evitar duplicidades.

 

En concreto e unha vez que se asine o convenio de colaboración entre ambas administracións, dixo, a Xunta estará en disposición de convocar 4 programas, previsiblemente no mes de xullo. Un deles é o das axudas ao alugueiro, en vigor desde hai anos e un dos que maior demanda ten en Galicia. Cun orzamento asignado de 12,5 millóns de euros, estas subvencións van dirixidas a persoas que non superen 3 veces o Iprem (24.318,84 euros) e que paguen menos de 600 euros ao mes pola súa vivenda. Neste caso, os beneficiarios terán dereito a recibir estas subvencións por un prazo de 5 anos, unha novidade respecto ao plan anterior, onde o límite era de 3 anos.

 

Así mesmo, a liña de axudas ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras especialmente vulnerables xestionarase a través do bono alugueiro social. A convocatoria deste ano farase por un importe de 11,2 millóns de euros e suporá volver a xestionar en Galicia a través dunha única e nova prestación os dous bonos —bono alugueiro social e bono para vítimas de violencia de xénero— que nos últimos anos se convocaron de forma separada.

 

Cunha duración de ata 5 anos e un importe que pode chegar ao 100% da renda máxima fixada en cada localidade —550, 500 e 425 euros ao mes—, esta liña vai dirixida a familias con ingresos iguais ou inferiores a 1,5 veces o Iprem ponderado (11.862,9 euros). En todo caso, estas contías poderán incrementarse nun 20% cando se trate dunha familia numerosa ou algún dos seus membros necesite unha vivenda adaptada.

 

O terceiro programa que se convocará en xullo se corresponde coas axudas a persoas mozas para contribuír ao reto demográfico. Neste caso, os incentivos están dirixidos especificamente a menores de 35 anos que compren a súa vivenda habitual en municipios cunha poboación inferior a 10.000 habitantes. Terá un orzamento de 2,55 millóns de euros que permitirá apoiar a este colectivo con axudas de ata 10.800 euros.

 

A maiores, o programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas porá á disposición dos propietarios 3,9 millóns de euros para axudarlles a financiar obras e actuacións que fagan máis accesibles os seus inmobles, xa sexan vivendas unifamiliares ou edificios residenciais colectivos. Neste caso, os incentivos poderán chegar a cubrir o 60% do custo dos traballos, cun límite máximo de 21.000 euros por inmoble.

 

Programas con convocatoria en decembro

En canto aos tres programas restantes, dous deles convocaranse por primeira vez —previsiblemente en decembro— e van dirixidos, por un lado, a promover aloxamentos ou vivendas para persoas maiores ou con algunha discapacidade, cun orzamento de 4 millóns; e por outro, ao fomento de solucións residenciais como vivendas cooperativas interxeneracionais ou modalidades como o cohousing, os aloxamentos temporais e outras similares, unha liña de incentivos que ten asignados 8,3 millóns de euros.

 

Trátanse de axudas destinadas tanto a administracións, como a entidades privadas, fundacións e promotores sociais interesados en promover vivendas que encaixen nalgún destes programas. A cambio, poderán optar a axudas de 700 euros por metro cadrado no primeiro caso (cun límite de 50.000 euros por aloxamento ou vivenda) e de 420 euros por metro cadrado no segundo (cun máximo fixado tamén en 50.000 euros).

 

Por último, o programa de incremento do parque público de vivendas non require de convocatoria como tal xa que, neste caso, os 8,3 millóns de euros dispoñibles destinaranse a que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) compre inmobles que xa ten cedidos por parte de Abanca e da Sareb.

 

Para isto, necesitarase asinar un convenio previo con estas entidades, polo que se prevé que no mes de outubro se poidan incorporar estas vivendas ao parque público residencial da Comunidade.

 

Cómpre lembrar que o anterior Plan de vivenda 2018-2021 contou cun orzamento total de 112,6 millóns de euros, incluíndo os fondos adicionais que se mobilizaron para paliar os efectos da covid no eido residencial. Nestes momentos e tendo en conta o importe xa concedido e o que se segue a pagar no marco das convocatorias plurianuais que aínda están en marcha, o grao de execución do plan en Galicia será superior ao 95%.

 

Unha trintena de axudas e programas en materia de vivenda

Todos estes programas, enmarcados no Plan para o acceso á vivenda 2022-2025, virán completar o amplo abano de axudas, incentivos e liñas de financiamento que a Xunta porá á disposición de particulares, comunidades de veciños, concellos e promotores en 2022 grazas a fondos propios da Comunidade e tamén ao diñeiro procedente da UE a través do programa Next Generation.

 

De feito, este ano está previsto que o Goberno galego xestione ao redor dunha trintena de programas cun orzamento global de preto de 160 millóns de euros para apoiar diferentes tipos de intervencións no eido residencial así como outras actuacións directas do IGVS —máis alá dos investimentos en marcha para construír novas vivendas de promoción pública—, que teñan como fin incrementar o actual parque público residencial.

 

Entre as liñas de axudas xa convocadas e con prazo de solicitude aberto, cómpre citar catro programas financiados con fondos europeos co denominador común de que buscan facilitar a rehabilitación enerxética de inmobles residenciais xa existentes —o programa de axudas a nivel de edificio, o PREE5000, os incentivos a nivel de vivenda, e o programa de subvencións á elaboración do libro do edificio e á redacción de proxectos—.

 

Ademais, ata o vindeiro 30 de setembro poderán pedirse axudas por un importe máximo de 25.000 euros para rehabilitar inmobles localizados na Área de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago, na ARI Ribeira Sacra e na ARI das Illas Atlánticas; e nesa mesma data tamén se pechará o prazo para optar ás subvencións autonómicas para adquirir inmobles en centros históricos ou para comprar unha vivenda protexida.

 

Por último, o presidente da Xunta lembrou que Galicia contará este ano con ata unha trintena de inciativas coas que facilitar que a poboación teña acceso a unha vivenda digna xa sexa en réxime de alugueiro ou en propiedade. Nese sentido, asegurou que o Goberno galego seguirá traballando para garantir ese dereito, especialmente entre os colectivos máis vulnerables.


Imaxes relacionadas