O presidente da Xunta interveu na inauguración do encontro “Galicia´s Leadership & innovation day” na Toxa
Rueda garante seguridade e confianza para o desenvolvemento do tecido empresarial galego e anima a inversión foránea a apostar por Galicia
Pon en valor o incremento nun 18,2% do PIB per cápita de Galicia nos últimos 13 anos, o que supón a segunda maior subida de toda España
Destaca a facturación de máis de 25.000€ en exportacións das empresas galegas, da que máis de 9.300 teñen clientes fóra do territorio nacional
Advirte de que hai que tomar medidas áxiles e eficaces contra a inflación e a subida de prezos xa que se presentan tempos difíciles
Insiste na importancia de que os Next Generation cheguen con axilidade ao tecido produtivo galego e reclama ao Goberno central “máis rapidez” na súa asignación para amosar así o seu compromiso coa industria galega e con Galicia
A Toxa (O Grove), 14 de xullo de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que Galicia garante “seguridade e confianza” para o desenvolvemento do tecido empresarial galego e animou a inversión foránea a apostar por Galicia.
Esta foi a mensaxe que lanzou na súa intervención durante a inauguración do encontro Galicia’s Leadership & Innovation day, impulsado polo Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) na Toxa e no que gabou o espírito expansionista dos empresarios galegos que, segundo Rueda, fixeron da empresa galega un “referente internacional” en sectores tan diversos, como o téxtil, a automoción, a biotecnoloxía ou o mundo das TIC.
O máximo mandatario galego puxo en valor o incremento nos últimos 13 anos dun 18,2% do PIB per cápita de Galicia, a segunda maior subida de toda España; a facturación de máis de 25.000 millóns de euros en exportacións; o aumento das exportacións nun 23,5€ no último ano; e o feito de que 9.300 empresas galegas teñan clientes fóra do territorio nacional.
“Non nos conformamos e queremos deixar aos nosos fillos unha Galicia aínda mellor”, proclamou Rueda, quen para este propósito salientou o papel do Plan Estratéxico 2020-30 para deseñar a Galicia de futuro e conseguir unha recuperación “sostible, competitiva e inclusiva”.
Ao respecto, debullou que este plan busca reducir a ratio de débeda por PIB en 5 puntos ata o 13%; recuperar a estabilidade orzamentaria no 2025 cun crecemento anual de entre o 2% o 2,5%; e reducir o paro ata o 8%.
Ante estes obxectivos, o presidente da Xunta admitiu que non se trata de construir “castelos no aire”, xa que alertou de que se presentan tempos “cargados de incertezas”. “Non imos maquillar a realidade”, enfatizou en referencia á inflación “sen precedentes” que se está a rexistrar e para cuxo freo considerou que o Goberno central chegou tarde, “e cando o fixo, non convenceu”, engadiu.
Ante esta situación, urxiu un pacto nacional de rendas que permita que os costes da inflación se asuman do modo máis equitativo posible e que o Goberno central axilice o reparto dos fondos Next Generation ao tecido produtivo.
“Levamos tempo esixindo esta reivindicación. É demasiado tempo, e o que non nos queda é tempo”, advertiu o titular do Executivo galego, quen salientou a candidatura sólida presentada por Galicia con proxectos estratéxicos, como o de Stellantis en Vigo, Showa Denko na Coruña, Altri en Palas de Reis ou o de Reganosa e EDP Renovábeis nas Pontes.
O presidente da Xunta volveu reclamar ao Goberno central, executor dos fondos europeos, que se comprometa coa industria galega para demostrar o seu compromiso con Galicia, dentro ou fóra dos Pertes, “pero que se comprometa”, incidiu para concluír.
No marco deste encontro Rueda tamén fixo entrega do I Premio Galego do Ano, impulsado por Cesuga ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites, quen considerou “xusto merecedor” de ser o primeiro con esta distinción e do que considerou que recoñece a súa “constancia”
“O compromiso continuado é o que permite construír as grandes cousas”, argumentou o presidente da Xunta, quen vencellou a traxectoria de Vieites á deses empresarios galegos que contribúen ao “progreso colectivo” dun territorio. Neste senso, aproveitou a súa intervención para reivindicar a colaboración que está mantendo o Executivo de Galicia co tecido produtivo da comunidade para facer fronte os retos do actual escenario económico.