O presidente da Xunta interveu no acto de recepción aos novos bolseiros do curso académico 2022/2023

Rueda dá a benvida a 250 novos beneficiarios das bolsas BEME que a Xunta pon en marcha para apoiar o retorno dos galegos no exterior e favorecer o seu asentamento en Galicia

Anima aos bolseiros a coñecer Galicia, “unha terra de oportunidades” e continuar a súa senda laboral na Comunidade unha vez rematada a formación

Ata o 24 de outubro está aberta a convocatoria das bolsas FP Retorna Mocidade, con axudas de ata 6.500 €, para abrir esta ensinanza aos mozos do exterior
 

Boqueixón,8 de outubro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu hoxe a benvida a 250 novos beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) destinadas a galegos no exterior con título universitario para que cursen un mestrado nunha das tres universidades públicas galegas, e deste xeito favorecer o retorno e o seu asentamento definitivo na Comunidade. “Galicia é unha terra de oportunidades e un dos mellores lugares para vivir. Estaremos encantados e orgullosos se ao rematar a formación quedásedes aquí”, sinalou Rueda, quen lembrou o bo recibimento que tiveron os galegos que emigraron hai décadas a América. “Non nos esquecemos de tantos países que nos deron tantas cousas”, resaltou.

 

Nun acto de recepción celebrado en Boqueixón (A Coruña), Rueda celebrou o regreso tanto dos galegos que naceron na Comunidade e que se atopaban fóra como dos fillos e netos de emigrantes que volven á terra das súas familias. Así, para facilitar a decisión de retornar, o xefe do Executivo autonómico salientou as oportunidades e o apoio prestado pola Xunta ao abeiro desta iniciativa. Oportunidades como as propias bolsas BEME, que recoñecen currículos brillantes para que poidan seguir aumentando a súa formación cun mestrado; e apoios como as axudas económicas orientadas a financiar a matrícula, a viaxe ou a manutención, que oscilan entre os 7.000 € e os case 11.500 €. Do mesmo xeito, a Xunta tamén pon a súa disposición a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno.

 

Ademais de agradecer o labor da Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados, organizadora do acto xunto co Goberno galego, Rueda sinalou que as bolsas, nas que a Xunta inviste 2,5 millóns de euros, poden ser un paso intermedio cara o establecemento definitivo dos beneficiarios na Comunidade. Desde 2017, esta iniciativa leva beneficiado a 1.150 mozos con título universitario, ás que haberá que sumar 250 máis o ano que vén.

 

Dentro desa aposta por captar talento, atender o reto demográfico e fomentar a diversidade cultural, a Xunta conta con outras medidas de promoción do retorno. Entre elas están as bolsas FP Retorna Mocidade, cuxa convocatoria está aberta ata o 24 de outubro, para incentivar con ata 6.500 € a matriculación nesta ensinanza; as axudas ás familias para afrontar gastos extraordinarios, que ascenden ata 6.000 € por fogar; e os apoios ao emprendemento, que poñen a disposición dos retornados ata 10.000 € para abrir un negocio na Comunidade.

Imaxes relacionadas