A Xunta destina 1,45 M€ nos Orzamentos de 2023 para a construción dunha estrutura flotante no Parrote da Coruña que permita o baño e o recreo náutico

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e o presidente da Autoridade Portuaria avanzaron que o convenio de colaboración entre ambas entidades se aprobará mañá para iniciar as obras o vindeiro ano
 

O proxecto, presupostado en 3,1 M€, busca a mellora da fachada marítima para o seu desfrute pola cidadanía

A Coruña, 24 de outubro de 2022 A Xunta destinará 1,45 M€ dos Orzamentos de 2023 á mellora da fachada marítima da Coruña coa construción dunha estrutura flotante na zona do Parrote. O importe total do proxecto ascende a 3,1M€ e farase a través dun convenio coa Autoridade Portuaria da Coruña que se vai aprobar mañá na xuntanza do Consello de Administración desta entidade, ao que se incorpora o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, como representante da Xunta. Así o avanzaron o vicepresidente segundo e mais o presidente do Porto coruñés, Martín Fernández Prado, nunha visita hoxe á área na que se realizarán as melloras, á que asistiu tamén o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

 

A previsión é iniciar as obras o vindeiro ano para dispoñer, xa en 2024, dunha estrutura de baño e dun edificio complementario para actividades náutico-turísticas, así como de 150 metros de bancadas para achegarlles o mar aos cidadáns. Segundo destacou Diego Calvo, o obxectivo é potenciar o atractivo turístico da cidade e o desfrute do seu litoral por parte da poboación coruñesa. “Dámoslle así resposta a importantes demandas da veciñanza da Coruña”, apuntou.

 

O orzamento de 1,45M€ reservado en 2023 representa o primeiro paso para arrancar o proxecto a prol da integración urbana da fachada marítima da Coruña. A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta pola cidade, co compromiso feito xa en 2018 de investir 20M€ nesta actuación a través da colaboración coa Autoridade Portuaria e co Concello. “Aínda que non existe resposta por parte do Concello, desde a Xunta mantemos o compromiso e seguimos avanzando da man da Autoridade Portuaria”, sinalou o vicepresidente segundo.

 
Nesta liña, Diego Calvo agradeceu o labor da Autoridade Portuaria e do seu presidente no desenvolvemento de actividades para facilitarlle á poboación o desfrute do litoral coruñés, e incidiu no apoio por parte da Xunta para favorecer “a diversificación da actividade do Porto e que siga sendo un motor económico para a cidade da Coruña”.

Imaxes relacionadas