‘Camiños creativos’ será unha das principais citas expositivas deste outono en España e inaugurarase en novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura
Institucións museísticas e coleccións como a Thyssen-Bornemisza Art Contemporary de Viena, a Galería Ufizzi-Palazzo Pitti de Florencia, a British Library, o Museo del Prado ou o Reina Sofía ceden obras dos seus fondos no marco desta exhibición
A que será a última gran exposición internacional deste Ano Santo artéllase arredor do concepto de camiñar para crear e a relación entre desprazamento e arte
Está comisariada pola galega Monserrat Pis Marcos, historiadora da arte e conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido)
Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, colabora cunha trintena de museos e coleccións de oito países europeos para a que será a grande exposición internacional coa que o Goberno galego despedirá dous anos de Xacobeo: Camiños creativos. A mostra, que se inaugura este mes de novembro no Museo Centro Gaiás, explora a relación entre arte e movemento e está comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos.
Camiños creativos será unha das principais citas expositivas deste outono en España, exhibindo en Compostela un centenar de obras de prestixiosas institucións museísticas e coleccións privadas de diferentes puntos de Europa. Entre elas podemos destacar a Galería Ufizzi (Palazzo Pitti) de Florencia, a Thyssen-Bornemisza Art Contemporary de Viena, o LIMA de Amsterdam, o Museo Fabre de Montpellier, os británicos The Courtauld Gallery, Holburne Museum, ou British Library, o danés Kunsten Museum of Modern Art de Aalborg; e o Museo do Prado, o Reina Sofía ou o Carmen Thyssen de Málaga —entre outros moitos—. En total, serán unha trintena de institucións —12 delas estranxeiras— de Reino Unido, Holanda, Bélxica, Austria, Dinamarca, Italia, Francia e España, cunha achega tamén destacada de artistas e institucións museísticas galegas.
Do século XVIII ata a actualidade
A relación entre movemento e arte e como o desprazamento a pé se integra como axente determinante do proceso creador son as claves temáticas que artellan unha mostra que incluirá obras de grandes mestres da pintura, destacados nomes da fotografía e tamén unha escolma de recoñecidas figuras da arte contemporánea máis actual. Escultura, audiovisual e instalacións completarán un percorrido pola arte desde o século XVIII ata a actualidade, no que non faltarán tampouco nomes de creadores galegos.
A exposición conta ademais coa colaboración de artistas tanto galegos como nacionais e internacionais con vencellos no contexto galego que crean ou adaptan pezas especificamente para este proxecto expositivo e incluirá obras nas que a participación do público, dun xeito lúdico e interactivo, terá un papel protagonista.