O presidente da Xunta recibiu a alcaldes da Asociación de Municipios del Camino de Santiago

O Goberno galego anima os municipios do Camiño a sumar sinerxías para repetir na década xacobea os éxitos dun Ano Santo espectacular

Rueda subliña a importancia que ten o Camiño para os lugares polos que pasa e o interese de que siga medrando con toda súa potencia de crecemento pero mantendo a esencia

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2022 O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, animou aos municipios do Camiño a sumar sinerxías para repetir na década xacobea os éxitos dun Ano Santo histórico. Nun encontro cos alcaldes da Asociación de Municipios del Camino de Santiago, o titular da Xunta recordou que o fenómeno xacobeo vive un momento moi especial cun 2021-22 “magnífico e espectacular” e a vindeira celebración dos Anos Santos 2027 e 2032, polo que considera necesario sumar esforzos para que este éxito se repita.

O presidente da Xunta recibiu unha comitiva de representantes da Asociación de Municipios del Camino de Santiago -que conta con 109 concellos polos que discorre o Camiño Francés- encabezada polo seu presidente, o alcalde de Pamplona, Enrique Maya Miranda. Alfonso Rueda compartiu con eles os éxitos dun Xacobeo moi especial que está a bater récords históricos, coa chegada xa de 425.000 peregrinos, e agradeceulles a contribución dos seus concellos e da súa veciñanza na difusión do Xacobeo e na conservación das rutas.

O mandatario galego recordou que o Camiño, como patrimonio da Humanidade, é un ben universal que beneficia non só a Galicia e aos concellos polos que discorre, senón tamén a calquera lugar do mundo no que haxa un peregrino disposto a camiñar a Galicia. Pero a maiores, falou da necesidade de “facer as cousas ben entre todos” para que o Camiño “se conserve como é, coas súas esencias, pero con toda a súa potencia de crecemento”.

Subliñou, ademais, que o récord histórico acadado neste Xacobeo confirma que imos polo bo Camiño e que as rutas milenarias con destino a Santiago de Compostela axústanse á perfección ao modelo de turismo tranquilo e de calidade que demandan os novos tempos. “Temos unha enorme oportunidade con esta década xacobea que creo que si se seguen facendo as cousas ben, saberemos aproveitala”, asegurou.

 

Imaxes relacionadas