A Xunta apoia o desenvolvemento socioeconómico dos sectores do mar e do turismo nas XX Xornadas Gastronómicas da Centola do Grove

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, participou na presentación oficial desta exaltación gastronómica, organizada pola asociación de empresarios Emgrobes, no Museo da Salgadeira coa presenza do alcalde, José Cacabelos
 

Este certame culinario, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, celebrarase durante 35 xornadas ata o 11 de decembro coa participación de 13 restaurantes do concello meco e unha programación de actividades complementaria
 

“Non hai mellor xeito de pechar o calendario de citas gastronómicas do ano que degustando un produto emblemático como a centola”, explicou o representante autonómico, que destacou os investimentos do Goberno galego en infraestruturas do Grove fundamentais para a súa captura, como o porto, a lonxa ou a praza

O Grove, 7 de novembro de 2022 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, destacou o apoio do Goberno galego ao desenvolvemento socioeconómico dos sectores do mar e do turismo durante o acto de presentación oficial das XX Xornadas Gastronómicas da Centola do Grove, celebrado esta mañá no Museo da Salgadeira de Punta Moreiras.

 

O representante autonómico, que estivo acompañado polo alcalde do Grove, José Cacabelos, agradeceu o esforzo da asociación de empresarios Emgrobes, organizadora desta exaltación gastronómica, e quixo facer un recoñecemento á confraría, pescadores, mariñeiros e produtores “por ser os verdadeiros artífices deste certame xunto cos cociñeiros e restauradores do Grove”.

 

“Non hai mellor xeito de pechar o amplísimo calendario de citas gastronómicas que se celebra cada ano en Galicia que degustando un produto tan emblemático como a centola e facelo ademais nun municipio como O Grove, onde a boa cociña do mar é case unha relixión”, manifestou o delegado territorial.

 

Luis López sostivo que estas xornadas “complementan á perfección e dan continuidade á exitosa Festa do Marisco” e puxo en valor que a cita coa centola “está plenamente consolidada tras unha traxectoria de dúas décadas e por iso debemos celebrar, de xeito especial, esta cifra redonda da súa viséxima edición”.

 

O representante autonómico tamén louvou que esta exaltación gastronómica, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, “cumpre moi atinadamente co seu papel desestacionalizador do turismo para seguir atraendo xente e dinamizando a socioeconomía do Grove en tempada baixa”. Ademais, insistiu en que o apoio do Goberno galego non se circunscribe só a esta cita, senón que se estende, con importantes investimentos e melloras nos últimos anos, a todas as infraestruturas do Grove que fan posible a pesca e distribución da centola e de todos os produtos do mar, como o porto, a lonxa ou a praza de abastos.

 
As XX Xornadas Gastronómicas da Centola do Grove comezan no día de hoxe e estenderanse, durante 35 xornadas consecutivas, ata o vindeiro 11 de decembro coa participaciónde 13 restaurantes do Grove e unha programación de actividades complementaria para todos os públicos.

Imaxes relacionadas