Miranda destaca, na entrega dos Pratos de Ouro de Radio Turismo, a labor de prescritores internacionais dos galegos e das entidades do exterior na difusión da gastronomía e dos produtos de Galicia

Ourense, 10 de novembro de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta tarde na entrega dos Pratos de Ouro que Radio Turismo organizou en Xantar, no 23º Salón internacional de Turismo Gastronómico, destacando a labor de prescritores internacionais dos galegos e das entidades do exterior na difusión da gastronomía e os produtos de Galicia.

 

O secretario xeral tamén fixo un recoñecemento aos profesionais da hostalería, a restauración e o turismo, destacando o valor engadido que teñen os produtos galegos e a nosa cociña, “que se coñecen nos cinco continentes”.

 

Finalmente, Antonio Rodríguez Miranda recordou que os galegos do exterior “non só botan de menos a terra senón tamén os sabores e os produtos que se cociñan nela, e poder dalos a coñecer nos seus lugares de residencia é un xeito de por en valor a Galicia, converténdose tanto eles como as propias entidades galegas en prescritores internacionais da nosa cultura gastronómica”. Animou ao sector agroalimentario e turístico a seguir a traballar por poñer a Galicia en boca de todos os amantes do bo xantar ao longo de todo o mundo.

Imaxes relacionadas