A Xunta impulsa a comercialización da artesanía de Galicia de cara ao Nadal no Mercado da Estrela de Santiago de Compostela

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na presentación da programación da edición deste ano, que se celebrará do 16 ao 18 de decembro

Artesanía de Galicia protagonizará de novo un dos espazos da feira creativa deste encontro, que se poderá visitar no segundo andar da obra social de Abanca

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación impulsa a comercialización da marca Artesanía de Galicia no Mercado da Estrela, que se vai celebrar en Santiago de Compostela os días 16, 17 e 18 de decembro no segundo andar da obra social de Abanca. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na rolda de prensa celebrada no Concello de Santiago de Compostela na que se presentou a programación desta nova edición.

 

Un ano máis, Artesanía de Galicia protagoniza un dos espazos desta feira creativa que xa é un clásico na programación do Nadal compostelán e que este ano chega á súa undécima edición. Os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía poderán solicitar a súa participación e deberán empregar o packaging oficial da marca Artesanía de Galicia durante todo o evento. A cota de participación contará cunha bonificación asumida pola Fundación Artesanía de Galicia co obxectivo de apoiar a comercialización da marca Artesanía de Galicia durante a campaña de Nadal e darlle visibilidade aos oficios artesanais.

 

O Mercado da Estrela é un festival gratuíto no que se amosa o talento e a creatividade de profesionais galegos de diferentes disciplinas e que se realizarán en diferentes espazos: Claustro Procesional e Hospedaría de San Martiño Pinario, ademais da obra social de Abanca, este último ocupado en exclusiva por profesionais da marca Artesanía de Galicia. A feira creativa abrirá ao público de 17:00 a 21:00 horas, o venres 16, e de 11:00 a 21:00 horas o sábado e o domingo.

Imaxes relacionadas