A Xunta abre novas convocatorias para estadías de investigación e publicacións científicas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co programa ‘Iacobus’

A iniciativa diríxese a persoal docente e investigador, investigadores pre e posdoutorais, e persoal de administración e servizos das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos da Eurorrexión

O investimento ascende a 200.000 euros, dos que 150.000 se destinan ás estadías e 50.000 ás publicacións

As persoas interesadas poden presentar candidatura ata o 16 de decembro

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022 A Xunta abriu esta semana novas convocatorias para estadías de investigación e para publicacións científicas co programa Iacobus, promovido pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A iniciativa vai dirixida a persoal investigador pre e posdoutoral, docente (PDI), e de administración e servizos (PAS) das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos da Eurorrexión.

As candidaturas poden presentarse ata o 16 de decembro a través da plataforma da web iacobus.gnpaect.eu. Nestas convocatorias 2022-2023 o investimento ascende a 200.000 euros, dos que 150.000 se destinan ás estadías de investigación e 50.000, ás publicacións científicas.

Na modalidade das estadías de investigación, fináncianse permanencias transfronteirizas para realizar proxectos nalgunha das 39 entidades que participan no programa. Trátase de sete universidades, catro institutos politécnicos, 22 centros tecnolóxicos e seis fundacións ou institutos de investigación de saúde. Ademais, do persoa investigador, docente e de administración e servizos, nesta convocatoria poden participar tamén xestores de innovación e técnicos de I+D dos centros tecnolóxicos. Ademais, resérvase un 5 % das estadías para persoas con diversidade funcional.

Canto á modalidade de publicacións científicas, o programa Iacobus promove axudas económicas para a publicación de artigos nalgunha das revistas indexadas no Journal Citation Report (JCR) ou no SCOPUS. Trátase de dous indicadores de calidade dos máis coñecidos e empregados polos organismos de avaliación da actividade investigadora a escala internacional. Os traballos teñen que ser desenvolvidos a través da colaboración transfronteiriza conxunta e por autores pertencentes ás institucións de ensino superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que forman parte do programa.

Investigación, formación e divulgación

O programa de cooperación científica, cultural e pedagóxica Iacobus ten como obxectivo a promoción das sinerxías e o desenvolvemento de actividades de investigación, formativas e de divulgación entre universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos e fundacións biomédicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Con proxectos de investigación en todas as áreas de coñecemento, ao longo da súa historia suma máis de 2.300 candidaturas e un orzamento de case 1,6 M€.

A iniciativa enmárcase nas prioridades do Plan de Investimentos Conxuntos Galicia-Norte de Portugal (PIC 21-27) e nas áreas estratéxicas establecidas pola Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3-T). Ademais, conta con apoio e financiamento da Unión Europea a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).

Imaxes relacionadas