O presidente do Goberno galego mantivo unha reunión co comité técnico do organismo público-privado

Rueda analiza coa Sociedade Impulsa os principais proxectos para o avance de Galicia e as oportunidades para o seu desenvolvemento

Destaca a aposta da Comunidade polas enerxías alternativas e por iniciativas para promover a economía circular que situarían a Galicia na vangarda das renovables e da economía sustentable

Esixe ao Goberno central a chegada dos fondos europeos, xa que a viabilidade dos proxectos depende da axilidade no reparto dos Next Generation
 

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, analizou hoxe coa Sociedade Impulsa Galicia os principais proxectos para o avance da Comunidade e as oportunidades para o seu desenvolvemento. O titular do Goberno galego mantivo unha reunión co comité técnico do organismo público-privado que traballa na aceleración e maduración de proxectos estratéxicos para economía galega. 

Alfonso Rueda reuniuse cos socios de Abanca, Reganosa e Sogama -entidades participadas en Impulsa Galicia xunto coa Administración galega- para analizar a situación de iniciativas punteiras como os proxectos que xiran en torno á recuperación de fibras téxtiles, os avances tecnolóxicos ao servizo da Comunidade ou a posta en marcha de alternativas que permitan á sociedade galega e ao seu tecido empresarial competir no eido da enerxías. 

O comité técnico de Impulsa coincidiu en que os proxectos nos que traballa a sociedade dentro do Polo para a Transformación de Galicia amosan a aposta polas enerxías alternativas e por iniciativas para promover a economía circular que situarían á Comunidade na vangarda das renovables e da economía sustentable. Sen embargo, o presidente da Xunta insistiu na preocupación que entre os seus promotores xeran as incertezas respecto da financiación, polo que esixiu unha vez máis ao Goberno central a chegada de fondos europeos, xa que a viabilidade dos proxectos depende da axilidade no reparto dos Next Generation.

Imaxes relacionadas