Gabriel Alén visitou esta mañá, acompañado do alcalde, as Cabanas Mirador de Cachamuíña en Pereiro de Aguíar

O delegado territorial da Xunta anima ao sector do turismo a adherirse ao bono turístico

Gabriel Alén explicou que ata o de agora adheríronse 97 establecementos, 15 nesta novo convocatoria

O delegado territorial sinalou que esta iniciativa naceu para fomentar a desestacionalidade turística, no marco do plan de choque impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar o consumo directo no sector turístico como consecuencia da crise do coronavirus

Existen tres tipos de bonos, de 250€, 375 e 500€, dos cales a Xunta asume o 40% do gasto e os usuarios o 60% restante

A data límite para o seu consumo é o 31 de decembro de 2022

Ourense, 23 de novembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao Mirador de Chachamuíña, no concello de Pereiro de Aguíar, para visitar co alcalde, Luís Meñor, as Cabanas Mirador de Cachamuíña, onde mantivo un encontro cun dos propietarios, Jorge Guerra, a quen lle manifestou que o Bono Turístico xa acada máis de 1,1 millón de euros de gasto nos establecementos hoteleiros galegos.

O delegado territorial explicou que ata o de agora adheríronse 97 establecementos, 15 nesta nova convocatoria, tendo a data límite para o seu consumo o 31 de decembro de 2022. Aclarou tamén o delegado territorial que nesta convocatoria a tarxeta non estivo operativa entre o 1 de xullo e o 15 de setembro.

Esta iniciativa –subliñou Gabriel Alén- naceu para fomentar a desestacionalidade turística, no marco do plan de choque impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar o consumo directo no sector turístico como consecuencia da crise do coronavirus. Os excelentes resultados das pasadas edicións permitiron consolidar esta iniciativa coma unha ferramenta de fomento do consumo no sector turístico, que foi moi ben recibida tanto polo sector turístico galego como polo conxunto da poboación.

O delegado territorial destacou a boa resposta dos negocios do ramo e o éxito que está a ter esta terceira edición entre a cidadanía, na que se inscribiron empresas como hoteis, paradores, balnearios, cámpings, aloxamentos de turismo rural, vivendas turísticas, apartamentos ou pensións e axencias de viaxes, repartidos por toda a provincia.

Tipos de Bonos

Existen tres tipos de bonos, de 250€, 375 e 500€, dos cales a Xunta asume o 40% do gasto e os usuarios o 60% restante .En canto á distribución das operacións, a provincia con maior volume de compras foi Pontevedra, que acumula case a metade do total (46%), seguida da Coruña (24%), Lugo (17,5) e Ourense (10,6%).

As cabanas

Este complexo turístico está formado por seis cabanas fabricadas en madeira. Unha delas funciona como recepción e lavandería, as outras cinco son pequenas casas equipadas con todo o necesario para gozar da natureza. Estas casas rurais están adaptadas a todo tipo de visitas; teñen cociña, baño, salón e unha terraza exterior con vistas ao encoro de Cachamuíña. Cada unha acolle a dous adultos e dous nenos, xa que ademais dunha cama de matrimonio, dispón de liteiras.

Imaxes relacionadas