O presidente do Goberno galego interveu na posta en servizo do treito entre A Pobra de San Xiao e o enlace de Sarria centro

Rueda reafirma o compromiso da Xunta coa vertebración interior de Galicia coa apertura do primeiro tramo da autovía Nadela-Sarria tras un investimento de 25 M€

Resalta as vantaxes na mobilidade para unha media de 7.500 vehículos ao día que percorren os 11 km que se abren ao tráfico no sur da provincia de Lugo

Afirma que o Goberno galego seguirá apostando por esta vía de comunicación e traballa xa no proxecto para completar o desdobramento dos 16 km restantes entre A Pobra de San Xiao e Nadela

Recorda que a día de hoxe máis do 80% da poboación de Galicia atópase a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións

Esixe ao Goberno central axilidade nas infraestruturas que son da súa competencia: “Nós cumprimos e seguiremos cumprindo”, asegura
 

Sarria (Lugo), 23 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego coa vertebración interior de Galicia coa apertura do primeiro tramo da autovía Nadela-Sarria tras un investimento de 25 millóns de euros. O mandatario galego presidiu o acto de posta en servizo dos 11 quilómetros que unen A Pobra de San Xiao e o enlace de Sarria centro, no que tamén participou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Na súa intervención, o presidente da Xunta resaltou as vantaxes que supón este treito que hoxe se abre ao tráfico no sur da provincia de Lugo para unha media de 7.500 vehículos ao día. 

Alfonso Rueda indicou que a posta en marcha dunha vía de alta capacidade neste treito da comarca de Sarria supón para o tráfico dispoñer de catro carrís con pavimento de altas prestacións, acurtar o tempo de viaxe e facilitar unha condución máis cómoda e segura. Recordou, ademais, que o Goberno galego seguirá apostando por esta autovía e que traballa xa no proxecto para completar o desdobramento dos 16 quilómetros restantes entre A Pobra de San Xiao e Nadela. 

O treito de 11 quilómetros que agora se abre ao tráfico beneficiará especialmente aos veciños de Sarria, de Láncara e do Páramo, pero tamén a todos os condutores e profesionais que transitan con frecuencia polo sur da provincia de Lugo. “E facémolo sen implantar ningunha peaxe, que pensamos que é unha vantaxe moi importante, porque onde os hai, deben conxelarse, como fixo a Xunta, e onde é posible non poñelas, nós tampouco imos facelo”, aclarou o presidente do Goberno galego. 

O Goberno galego, deste xeito, mantén o compromiso adquirido coa veciñanza da comarca de desdobrar a vía entre Nadela e Sarria para contribuír, desde o sur de Galicia, á vertebración interior da Comunidade coa posta en marcha de vías de alta capacidade.  

A maiores, a Xunta impulsou a remodelación do eixe Palas-Friol-Begonte e o acondicionamento da estrada de Folgoso do Courel; e aposta pola Rolda Leste de Lugo ou pola mellora da estrada de Viveiro a Cabreiros pola Gañidoira.

 A aposta do Goberno galego polas infraestruturas viarias é firme; de feito, nos últimos anos incrementouse en máis dun 70% a extensión da rede de vías de alta capacidade de titularidade autonómica, coa posta en marcha de 50 novos quilómetros sen peaxe só na provincia de Lugo. Hoxe, tal e como recordou o presidente da Xunta, máis do 80% da poboación galega atópase a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións.

 

Retrasos nas vías de titularidade estatal

 Alfonso Rueda contrapuxo os avances nas infraestruturas viarias galegas coas demoras naquelas que dependen do Estado. En concreto, lamentou a demora de varias décadas que acumula o proxecto da autovía entre Lugo e Santiago, así como a paralización doutras conexións tan importantes como as autovías da Mariña, de Ourense a Lugo ou de Ourense a Ponferrada, así como a xestión e a falta de concreción respecto da principal vía de acceso á Meseta, a raíz do colapso do viaduto da A-6. “Nós cumprimos e seguiremos cumprindo, polo que temos o dereito e a obriga de esixir aos demais que cumpran”, indicou.
 

Imaxes relacionadas