O Sergas continúa a mellorar a protección das persoas traballadoras na sanidade pública durante o embarazo

Estas medidas enmárcanse na execución do I Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde


O seu obxectivo é continuar mellorando as condicións laborais posibles para as mulleres traballadoras do Sergas e entidades adscritas durante as etapas de embarazo, parto, postparto e lactación
 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022

No día de hoxe, en datas próximas ao 25N-Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 15 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican diversos acordos adoptados pola Mesa sectorial de negociación en materia de protección das persoas traballadoras durante o embarazo.

 

Logo da súa negociación na sesión da Mesa sectorial que tivo lugar o pasado 25 de marzo de 2022, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSI-F, SATSE e UGT, acordaron por unanimidade adoptar 23 medidas específicas para protección das profesionais embarazadas que prestan servizos nas institucións sanitarias do organismo, no marco do proceso de implantación do I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024).

 

Cómpre lembrar que a maior parte dos postos de traballo do organismo están ocupados por mulleres, representando preto do 80% do seu persoal. Por outra banda, a pandemia puxo en evidencia a necesidade de protección das persoas traballadoras máis vulnerables, como as mulleres embarazadas. Tendo en conta esta realidade, acordouse desenvolver o Plan de igualdade cun conxunto de medidas que conduzan a mellorar as condicións de traballo das embarazadas, que no ano 2021 foron 808, representando un 2,4% do emprego femenino no Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería e ao Sergas.

 

Con estas medidas, preténdese conseguir unha situación de maior equidade para as mulleres embarazadas que traballan no Servizo Galego de Saúde, polo que se realizarán todos os cambios na organización necesarios para poder implantar as devanditas medidas, agrupadas consonte ás epígrafes do Plan de igualdade que executan ou desenvolven:

 

Actuacións previstas

As actuacións previstas están dirixidas tanto ás propias traballadoras do cadro de persoal do organismo como ás embarazadas que aspiran a traballar no Sergas, inscritas nas listaxes de contratación temporal. Así, as actuacións do ámbito de acceso ao sistema inclúen a posibilidade de que a persoa que se atope de parto o día no que se celebren os exercicios de oposición e non lle sexa posible a súa realización no hospital, poderá realizala dentro dos 15 días seguintes. Ademais, articularanse distintas medidas de acción positiva na política de chamamentos para vinculacións temporais.           

 

Tamén se melloran as condicións de traballo ao garantir as pausas de descanso; dotar de uniformes adaptados; facilitar o cambio de quendas de noite por quendas fixas de mañá e tarde, especialmente a partir do terceiro trimestre de embarazo; ou a garantía de 150 horas de permiso no exercicio do dereito de lactación.

 

Na liña para o coidado da súa saúde, poderán ser eximidas das xornadas de máis de oito horas de traballo e as gardas, especialmente a partir do terceiro trimestre de embarazo; proporcionaranse cadeiras ergonómicas e repousa-pés; e poñeranse recursos para o seu apoio psicolóxico como, por exemplo, en caso de duelo perinatal, entre outras.

 

Finalmente, no marco da conciliación e apoio á crianza promoveranse os recoñecementos médicos de saúde laboral previo á súa reincorporación ao traballo; articularanse servizos a nivel hospitalario para o coidado de menores de 0-3 anos; promoveranse salas de lactación e descanso.