O Sergas modifica o pacto de selección temporal respecto das situacións relacionadas co nacemento de fillos

A modificación do Pacto prodúcese logo do acordo unánime coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT

Ofertaranse contratos aos aspirantes que ata esta modificación se encontraban en situación de suspensión de chamamentos
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022

  O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se modifica o Pacto de selección temporal do persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

Esta modificación do Pacto prodúcese logo do acordo unánime coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT e permite levar a efecto a previsión contida no I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024), que obriga a realizar a análise con perspectiva de xénero da regulación contida no Pacto de selección de persoal estatutario temporal.

Así aos aspirantes incluídos nas listas de selección temporal do Servizo Galego de Saúde, no suposto de nacemento de fillo/a, adopción legal, suspensión por risco durante o embarazo e incapacidade temporal común derivada de embarazo, ofertaránselle os nomeamentos correspondentes á súa categoría, cando se encontren nestas situacións, con independencia da duración do vínculo. Ata o momento actual só se lle adxudicaban contratos de longa duración, de máis de un ano, permanecendo en situación de suspensión de chamamentos para os contratos de corta duración. Coa modificación a partir desta publicación non terán que solicitar suspensión de chamamentos.
 
De corresponderlle, segundo a orde de prelación que ocupa na lista a adxudicación dun contrato, formalizarase naqueles supostos en que a normativa de seguridade social así o permita. Recoñecerase en todos os supostos como tempo traballado.
 

A modificación acordada é de aplicación ao todo o persoal estatutario facultativos, sanitarios e persoal de xestión e servizos.