A Xunta expón os censos electorais das eleccións para a renovación de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego

A campaña electoral arrancará o 3 de febreiro e finalizará o día 17 dese mes, para dar paso ás votacións o 19
 

Garántese así o correcto funcionamento dos consellos reguladores como xestores das denominacións de orixe, das indicacións xeográficas protexidas e da agricultura ecolóxica galegas, dada a súa relevancia para o desenvolvemento rural da comunidade

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022 Hoxe, tras a designación da Xunta Electoral o pasado 30 de novembro no marco do proceso de renovación dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego, procédese á exposición dos censos electorais. Estarán expostos ata o 14 de decembro nos lugares que se indican na orde, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado día 10 de novembro, pola que se convocaron as eleccións e se ditaron as normas pertinentes.

 

Durante o citado período de exposición, os interesados poderán formular reclamacións ante o correspondente consello regulador, que deberá resolvelas o 21 de decembro como tarde. Contra as ditas resolucións, con data límite o 26 de decembro, poderase formular recurso ante a Xunta Electoral, a cal resolverá a máis tardar o 3 de xaneiro de 2023. Unha vez resoltas as reclamacións e recursos presentados, procederase á exposición dos censos definitivos.

 

Deste xeito, realízase a convocatoria de eleccións para a renovación dos órganos de goberno dos consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas (DOP) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; do Consello Regulador das indicacións xeográficas (IX) das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; dos consellos reguladores das DOP dos queixos Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e San Simón da Costa; dos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Pataca de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia; do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia e do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Mentres, prorrógase o mandato dos consellos reguladores das DOP Cebreiro e Pemento de Herbón e o dos consellos reguladores das IXP Lacón Gallego, Faba de Lourenzá, Grelos de Galicia, Tarta de Santiago, Pemento do Couto, Pemento da Arnoia, Pemento de Oímbra, Pemento de Mougán e Pan Galego. 

 

Cabe lembrar os outros 11 consellos reguladores quedan prorrogados das eleccións dado o seu escaso número de inscritos -pouco máis do 2% do total de operadores en réximes de calidade- e baixo volume de actividade -inferior ao 0,5% do total das producións con selo-, o que dificulta a formación de candidaturas.

 

Segundo o previsto no calendario establecido, entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro -ambos inclusive- poderán presentarse candidaturas ante cada consello regulador e o día 27 de xaneiro a Xunta Electoral fará a súa proclamación definitiva. Unha vez que a Xunta Electoral proclame as candidaturas, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo na repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso e a Xunta Electoral proclamará como vogais os candidatos propostos. O dito acordo deberá presentarse ante a Xunta Electoral a máis tardar o 2 de febreiro e virá subscrito polos representantes de cada candidatura.

 

Ao respecto da campaña electoral, arrancará o 3 de febreiro e finalizará o día 17 dese mes, para dar paso ás votacións o 19. O 21 de febreiro proclamaranse os vogais electos pola Xunta Electoral e, tras a presentación e resolución dos pertinentes recursos -se os houbese- a toma de posesión producirase entre os días 27 de febreiro e 10 de marzo de 2023.

 
Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221110/AnuncioG0426-261022-0022_gl.html