O presidente da Xunta visitou a nova residencia de maiores Raiola-San Marcos, en Santiago de Compostela, acompañado da conselleira de Política Social, Fabiola García

Rueda salienta o reforzo da Xunta na atención ás persoas maiores, cun orzamento duns 440 M€ para 2023

Defende o novo modelo de residencias que está a desenvolver a Xunta e que se procura converter nun referente para toda España


Destaca que Galicia contará o vindeiro ano cos dous primeiros centros públicos en España de coidados intermedios e que o Goberno galego acaba de aprobar a primeira normativa de vivendas colaborativas
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o reforzo do Goberno galego nos coidados das persoas maiores cun orzamento próximo aos 440 millóns de euros, dirixidos a actuacións que garantan a súa autonomía e tamén para atender situacións de dependencia.

 

“Cada vez vivimos máis e tamén queremos vivir mellor, e a primeira premisa para vivir mellor é vivir como cada un queira e onde queira”, afirmou o titular do Goberno galego durante a visita que realizou, en Santiago de Compostela, á nova residencia de maiores Raiola-San Marcos, onde salientou o feito de que, por vez primeira, os fondos da Consellería de Política Social e Xuventude superarán os 1.000 millóns de euros, o que supón un 16 por cento máis que os de 2022, e que 3 de cada 4 euros deses orzamentos se destinen a políticas sociais.

 

O mandatario galego situou a residencia Raiola-San Marcos como exemplo do novo modelo de coidados polo que aposta a Xunta, con centros máis humanos, cómodos e accesibles e tamén con máis coordinación sociosanitaria. Por este motivo, defendeu seguir avanzando no desenvolvemento deste modelo na Comunidade galega co obxecto de convertelo nunha referencia para toda España.

 

Galicia contará cos primeiros centros públicos de coidados intermedios en España

 

Rueda subliñou as actuacións en materia de coidados e atención das persoas maiores que leva desenvolvendo a Xunta e salientou as dúas novidades para seguir mellorando neste eido. Así, apuntou que o vindeiro ano Galicia contará cos dous primeiros centros de coidados intermedios públicos en España para atender a persoas que recibiron a alta hospitalaria, pero aínda precisan coidados específicos.

Ademais, salientou a recente aprobación da primeira normativa de vivendas colaborativas (cohousing) para regular as condicións materiais e arquitectónicas destes espazos, orientados a dar maior autonomía. “Trátase de convertelas case en auténticos fogares, máis accesibles, máis cómodos, máis humanos e máis axeitados ao entorno de como cada un quere vivir”, afirmou.

 

Neste senso, o presidente da Xunta defendeu o dereito das persoas maiores a decidir onde e como queren vivir esta etapa. Por este motivo, explicou que todos os esforzos do Goberno galego están orientados a facer efectivo un envellecemento en liberdade e en libre elección. Nesta liña, puxo en valor servizos como os Coidados Porta a Porta, de Axuda no Fogar ou de teleasistencia para aquelas persoas maiores que desexan permanecer no seu fogar; tamén o cento de Casas do Maior cos que conta Galicia para aquelas que prefiren continuar na súa contorna; ou as 14.000 prazas públicas actuais en residencias en Galicia, que supón case triplicar as que se ofrecían en 2009. En todo caso, garantiu que a Xunta seguirá a traballar para que haxa máis centros e máis residencias á disposición dos galegos e galegas.

Imaxes relacionadas