O presidente da Xunta participou hoxe na Guarda na inauguración do Hotel Alda Santa Tegra e na estrea dunha nova embarcación para os traslados a través do río Miño

A Xunta reforza o servizo do ‘Xacobeo Transfer’ entre A Guarda e Caminha tras superar os 7.000 usuarios de 40 países desde a súa posta en marcha

Destaca que as cifras turísticas de récord deste ano están beneficiando ao conxunto do territorio

A Guarda (Pontevedra), 5 de decembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na viaxe de estrea da nova embarcación que se incorpora ao servizo Xacobeo Transfer, que desde a súa posta en marcha en abril permitiu a máis de 7.000 usuarios de 40 países cruzar entre A Guarda e Caminha (Portugal) a través do río Miño.

 

A iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+), naceu para dar servizo tanto aos peregrinos que percorren o camiño Portugués da Costa como aos propios veciños. A nova embarcación, con 12 prazas, dobra en capacidade ás que xa están operativas e, ademais de ser sustentable, incorpora servizos moi demandados polos usuarios, como espazo para bicicletas ou para as mochilas dos peregrinos.

 

Para facilitar o seu uso, está activo un servizo de atención telefónica en castelán, portugués e inglés; unha web específica www.xacobeotransfer.com dispoñible en 8 idiomas; e un sistema de reservas.

 

Inauguración do Hotel Alda Santa Tegra

O titular do executivo autonómico participou tamén, este mediodía, na inauguración do Hotel Alda Santa Tegra, situado nun enclave emblemático do Baixo Miño: o pico San Francisco.

 

Tanto a inauguración do establecemento hoteleiro, como o reforzo do Xacobeo Transfer, veñen a ratificar o impulso turístico de Galicia nun ano de cifras récord, superados os 6 millóns de turistas e camiño de acadar a entrega de 450.000 Compostelas.

 
O presidente da Xunta puxo este tipo de iniciativas como exemplo de “que se poden utilizar os nosos recursos con sentidiño, que teñen moito potencial e que, si seguimos facendo as cousa ben, agárdannos moitas alegrías”.

Imaxes relacionadas