A Xunta reafirma o compromiso coa innovación no eido das doenzas neurodexenerativas

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participaron na poxa solidaria organizada na Coruña a favor da Fundación Degén, centrada na investigación e divulgación destas enfermidades

A Coruña, 9 de decembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participaron hoxe na poxa solidaria organizada pola galería Artby’s na Coruña a favor da Fundación Degén, centrada na investigación e divulgación das enfermidades neurodexenerativas. 

Na súa intervención, Calvo reafirmou o compromiso da Xunta coa innovación no eido destas doenzas. Así, referiuse a avances da sanidade galega como ser o primeiro servizo público sanitario de España en poñer á disposición dos pacientes a tecnoloxía HIFU para o tratamento dos tremores xerados por patoloxías coma o párkinson ou converter o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago no primeiro centro público do país en dispoñer dun sistema de ultrasonidos de alta frecuencia para tratar esa doenza. Nesta liña, salientou o carácter ambicioso e innovador de Galicia en materia sanitaria. 

O vicepresidente segundo eloxiou o labor solidario desenvolvido pola Fundación Degén e polo seu presidente, Alberto Amil, a prol da investigación e a divulgación das enfermidades neurodexenerativas. Para Diego Calvo, a sociedade galega é afortunada de contar con entidades coma estas, que traballan para mellorar a calidade de vida das persoas que padecen estas doenzas e das súas familias, así como para avanzar cara a un futuro libre destas enfermidades que a día de hoxe non teñen cura. 

No evento poxáronse obras artísticas doadas polo deseñador Jorge Vázquez, os pintores Óscar Cabana e Giovani Ramírez, o ilustrador Paco Roca, o fotógrafo Francisco Martín Cobos e a ilustradora Yess Andrés.

Imaxes relacionadas