O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e os tres reitores das universidades públicas galegas asinan acordos para inxectar case 9M€ en investigación
Os centros de investigación acreditados das universidades galegas acadaron os 80 M€ en proxectos competitivos nos últimos tres anos
Román Rodríguez sinala estes centros, aos que se achega case 5M€, como “a xoia da coroa dos nosos proxectos de I+D+i”
Destaca que, a través deles, se mobiliza o traballo de preto de 1.800 persoas e se consolida a cultura da investigación no sistema universitario
Destínanse 4M€ para diversos gastos e pequeno equipamento dos servizos de investigación universitarios
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asinou esta mañá acordos de colaboración cos reitores das tres universidades públicas galegas, Antonio López (Universidade de Santiago de Compostela), Julio Abalde (Universidade da Coruña) e Manuel Reigosa (Universidade de Vigo) para inxectar case 9M€ na investigación universitaria.
Por unha banda, asinouse un acordo de colaboración por importe de case 5M€ para o financiamento dos Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) para manter a súa actividade investigadora.
Uns centros que, tal e como explicou o conselleiro, “nos últimos tres anos teñen logrado uns datos verdadeiramente notables, cunha repercusión positiva próxima aos 80M€ en proxectos competitivos e con preto de 1.800 traballando nas súas diferentes instancias”. “Os logros obtidos polos centros de investigación de Galicia confirman que estes polos son a xoia da coroa dos nosos proxectos de I+D+i”, destacou.
“Os convenios que hoxe asinamos son un compromiso claro e decidido polo modelo de investigación universitaria”, engadiu o conselleiro, sinalando que buscan “ofrecer ferramentas e recursos para ampliar a súa base de talento”. “O compromiso da Xunta de Galicia é o de facilitar a obtención de resultados en investigación e innovación que permita consolidar a nosa posición referencial, ademais de mellorar o rendemento económico, científico e tecnolóxico de Galicia”, dixo.
Esta inxección beneficiará aos oito centros acreditados, isto é, na Universidade de Santiago de Compostela o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); na Universidade da Coruña o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), e na Universidade de Vigo o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (atlantTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM). Os importes consignados son os seguintes:
Centro | Importe |
CIQUS | 823.488,06 € |
IGFAE | 795.091,92 € |
CIMUS | 728.834,26 € |
CITIUS | 728.834,26 € |
CINBIO | 690.972,74 € |
CITIC | 519.444,44 € |
CIM | 377.777,78 € |
atlanTTic | 302.222,22 € |
En liñas xerais, cada un deles percibirá unha contía similar á que viña recibindo anualmente, pero calculada para 10 meses, ata o momento en que se publique a nova convocatoria de axudas e tendo en conta a avaliación cualitativa do seu funcionamento actual. No período 2016-2022 estes centros percibiron arredor de 30M€ (13M€ na primeira convocatoria de acreditación destes centros e outros case 18M€ da segunda convocatoria de 2019) ao abeiro da primeira convocatoria de axudas que o Goberno galego destinou de forma específica ao seu funcionamento.
Infraestruturas científico-tecnolóxicas
Por outra banda, subscribiuse unha nova colaboración, por importe de 4M€, para financiar o funcionamento dos servizos e as infraestruturas científico-tecnolóxicas das universidades. Isto abrangue tanto a contratación de persoal como diversos gastos (electricidade, seguridades, mantemento...), compra de pequeno equipamento inventariable, licenzas e renovacións de licenzas de software ou a adquisición de material funxible e consumibles en xeral.
A distribución realízase en función do persoal docente investigador total por universidade, o que supón 1,6M€ para a Universidade de Santiago de Compostela, 1,1M€ para a da Coruña e 1,2M€ para a de Vigo.