A Xunta colabora co concello de Cualedro na mellora do abastecemento co fin de solucionar os problemas de subministro en episodios de seca

Augas de Galicia achegou 48.000 € para o financiamento das intervencións que garantirán o abastecemento nos núcleos de Lucenza e Cualedro

O Concello asumiu a execución dos traballos de emerxencia, iniciados no mes de setembro para a mellora das instalacións de abastecemento municipal, así como o mantemento destas novas infraestruturas, que xa están rematadas

As intervencións permiten garantir o subministro da auga nestes núcleos, ante a situación de risco extremo de quedar sen abastecemento municipal

A Xunta mantén o seu apoio aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural

Ourense, 14 de decembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, o convenio de colaboración para a mellora do abastecemento en Lucenza e Cualedro, co fin de solucionar os problemas de subministro de auga ante a situación excepcional de seca acontecida neste ano.

 

A Xunta, a través de Augas de Galicia, achegou 48.000 euros para o financiamento destas actuacións de emerxencia para garantir o abastecemento nestes dous núcleos de poboación.

 

O Concello de Cualedro asumiu a execución dos traballos de emerxencia para a mellora das instalacións de abastecemento municipal, así como o mantemento das novas infraestruturas hidráulicas, que xa están rematadas.

 

Mediante este acordo, o departamento que dirixe Ethel Vázquez dá resposta á solicitude de apoio e colaboración do Concello na execución destas actuacións nos núcleos de Lucenza e de Cualedro para acadar o funcionamento efectivo das instalacións de abastecemento de auga potable aos veciños destes núcleos no prazo máis breve posible.

 

Antecedentes

O crecente incremento das temperaturas, debido ao cambio climático, vén provocando veráns moito máis longos e calorosos que, xunto á escaseza de choivas, está levando ao límite a capacidade dos acuíferos naturais e das augas libres comunmente empregadas para o subministro de auga á poboación.

 

O caudal achegado por moitas das captacións existentes resulta insuficiente fonte á demanda actual en grandes e pequenas poboacións, ocasionando restricións e cortes de subministro na rede de abastecemento.

 

Estes problemas víronse agravados en Lucenza e no núcleo de Cualedro pola situación excepcional de seca que está a acontecer, de modo que os recursos captados non eran suficientes para a poboación á que hai que abastecer.

 

Ante a situación de risco extremo de quedar sen abastecemento municipal neses núcleos, a entidade local contratou as obras de urxencia no abastecemento de Lucenza e Cualedro e iniciou a súa execución no mes de setembro de 2022, estando a día de hoxe xa rematadas.

 
A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e  continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.

Imaxes relacionadas