A Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Naturgy, Repsol e Reganosa para construír unha planta de hidróxeno verde en Meirama

Salienta que o proceso permitirá a produción anual de 4.500 toneladas desta fonte renovable como produto principal para abastecemento da industria; e un subproduto -oxíxeno-, cunha produción estimada de 34.296 toneladas

Adianta que a planta, de 30 MW na fase inicial, estará operativa en 2025

O acordo do Consello da Xunta enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, potenciando a captación de investimentos e a xeración de emprego de calidade, e mantendo todas as garantías xurídicas durante a tramitación do proxecto

Ata o de agora, son 17 iniciativas as que se adheriron a esta figura en Galicia, cunha mobilización global que supera os 1.200 M€

Santiago de Compostela, 15 de decembro

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a declaración de iniciativa empresarial prioritaria do proxecto de Naturgy, Repsol e Reganosa para construír unha planta de produción de hidróxeno verde en Meirama, no concello coruñés de Cerceda que, segundo avanzou, está previsto que estea operativa en 2025.

“Seguimos traballando para a recuperación das zonas afectadas polo peche de centrais térmicas”, salientou o mandatario galego, quen explicou que a principal vantaxe desta declaración -aprobada hoxe no Consello da Xunta- é a axilización dos trámites administrativos para pór en marcha o proxecto, “ao reducir á metada os prazos”.

O presidente da Xunta puxo en valor que a planta que se proxecta construír en Meirama ten como obxectivos “dinamizar a economía local, xeral empregos de calidade e apostar por novas industrias de baixo impacto industrial”.
 
Cun investimento de máis de 67 millóns de euros, Rueda adiantou que a previsión é producir, anualmente, 4.500 toneladas desta fonte de enerxía renovable para abastecemento da industria, ademais de obter, como subproduto, oxíxeno, cunha produción de 34.926 toneladas ao ano.
 
O titular do Executivo galego lembrou que, coa aprobada hoxe, xa son 17 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas, en referencia ás lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Hornos de Lamastelle (Carballo), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candelas (Lugo), Bioenergía A Coruña (A Laracha), Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte) e agora a de Naturgy Nuevas Energías (en Meirama, Cerceda).
 

Aposta pola sustentabilidade industrial na transición enerxética

O proceso de produción de hidróxeno verde levarase a cabo mediante un sistema de electrólise alcalina alimentado 100 % con enerxía renovable. A planta, inicialmente, será  de 30 MW e está, con posterioridade, o desenvolvemento dun hub de hidróxeno renovable que se ampliará en dúas fases ata 200 MW, e unha produción total de 30.000 toneladas ao ano.

Deste xeito, Galicia reforza a súa aposta pola sustentabilidade industrial no marco da transición enerxética cun proxecto que influirá no tecido económico local e da contorna, e que está aliñado cos principios da economía verde e circular. Neste sentido, a iniciativa vela polo menor impacto ambiental, a aposta por un combustible renovable para abastecer a industria, ademais de empregar enerxías renovables como fontes de subministración eléctrica.

Vantaxes das iniciativas empresariais prioritarias

Esta declaración –aprobada no Consello da Xunta por petición do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación– enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.

Neste marco, os investimentos totais programados polas empresas superan os 1.200 millóns de euros. Polo tanto, esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.
 
A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de barreiras á actividade empresarial.

Imaxes relacionadas