Participou na presentación da tempada 2023 do Club Delikia do que tamén forman parte Desi Vila e os guías Celso Comesaña e Gustavo Rodríguez

Lete destaca a Susana Rodríguez como a “deportista perfecta” e salienta o apoio da Xunta ao deporte adaptado que en 2023 acadará cifras históricas

Destaca aos 21 deportistas galegos de alto nivel con discapacidade; os 600.000 euros en axudas DGAN a deportistas con discapacidade desde 2009; a igualación das axudas olímpicas e paralímpicas e das axudas dos guías; ou o incremento dos convenios ás federacións que deixará 90.000 euros na Federación Galega de Deporte Adaptado en 2023

Vigo, 17 de decembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Club Delikia presidido pola triatleta galega Susana Rodríguez Gacio, cinco veces campioa do mundo. Na súa intervención salientou a Susana como “a deportista perfecta, non só no ámbito deportivo senón tamén fóra del como demostran os seus fitos deportivos, pero tamén ser portada da revista Time, situarse na primeira liña contra a covid e agora, crear un club deportivo para transmitir hábitos de vida saudable no desenvolvemento das xeracións máis novas”.

 

Lete Lasa destacou a importancia deste club que transmitirá “os nobres valores do deporte” con embaixadores tan importantes como a propia Susana, a saltadora de lonxitude Desi Vila e os guías Celso Comesaña e Gustavo Rodríguez. Eles son, dixo o secretario xeral, “catro dos 16 deportistas que formaron parte da delegación paralímpica galega máis brillante da historia e que regresaron de Toquio con 5 metais e 15 diplomas olímpicos, situándose o 87,5% dos galegos entre os oito mellores do mundo”.

 

No que respecta ao apoio autonómico, o secretario xeral para o Deporte salientou as principais liñas en prol do deporte adaptado que están a experimentar importantes incrementos dende hai tempo. Neste sentido destacou a inclusión do programa Xogade; 21 deportistas galegos de alto nivel que representa o máis alto da historia; os preto de 600.000 euros concedidos a deportistas de alto nivel con discapacidade desde 2009; a igualación das becas paralímpicas e olímpicas desde 2004; o mesmo importe das axudas para os deportistas que para os seus guías desde 2022; o incremento dos convenios coas federacións deportivas que supón o orzamento máis alto da historia e que deixará 90.000 euros na Federación Galega de Deporte Adaptado en 2023; ou as tres prazas para deportistas con discapacidade no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Neste sentido tamén destacou que Galicia, desde este ano, sexa a única comunidade que outorga aos guías o 100% do importe das axudas dos deportistas galegos con discapacidade.

Imaxes relacionadas