A Xunta denega a autorización de vertido de augas residuais da mina de volframio e estaño de Varilongo, no concello de Santa Comba

A falta de atención dos requirimentos de documentación necesaria motivan a resolución de Augas de Galicia de arquivar o expediente de autorización de vertido da explotación mineira

Augas de Galicia advirte á empresa da obriga de dispoñer de autorización previa e expresa para efectuar vertidos ao dominio público

Ordena a inspección das instalacións aos efectos de constatar a ausencia de vertidos ao medio para, no seu caso, adoptar as medidas sancionadoras que correspondan
 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022 A Xunta, a través de Augas de Galicia, decidiu denegar a autorización de vertido de augas residuais da mina de volframio e estaño de Varilongo, no concello coruñés de Santa Comba, ante a falta de atención dos requirimentos da documentación necesaria.

 

A empresa Galicia Tin & Tungsten, S.L presentou, con data de 26 de marzo do pasado ano, a solicitude de autorización de vertido para a explotación mineira de volframio e estaño de Varilongo.

 

Unha vez recibida a petición, Augas de Galicia iniciou a tramitación do procedemento correspondente, solicitándolle á empresa, en varias ocasións, documentación complementaria, xirando visitas de inspección á zona e requiríndolle a realización das actuacións precisas no sistema de tratamento de vertidos para solucionar as deficiencias detectadas que levasen ao cumprimento dos requisitos exixidos.

 

Ante a falta de presentación da documentación requirida por parte da empresa, Augas de Galicia resolveu o arquivo do expediente de autorización de vertido de augas residuais da dita explotación mineira.

 

Na resolución adoptada, Augas de Galicia lémbralle ao interesado a obriga de dispoñer de autorización previa e expresa desta entidade para poder efectuar vertidos directos ou indirectos ao dominio público hidráulico.

 
Tamén ordena a inspección das instalacións aos efectos de constatar a ausencia de vertidos de augas residuais ao medio e, no seu caso, adoptar as medidas sancionadoras que correspondan pola realización de vertidos non autorizados.