O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e o director executivo de Fulbright España, Alberto López, presentan esta liña de actuación
Román Rodríguez anima á mocidade a participar nas bolsas Fulbright para completar estudos artísticos
Salienta o programa con Fulbright como ”un dos máis recoñecidos e celebrados de todo o planeta”, no que participaron figuras relevantes da nosa cultura
Galicia é pioneira entre as comunidades autónomas no establecemento desta iniciativa de colaboración na que inviste 140.000€
O prazo de presentación de solicitude está aberto ata o 12 de xaneiro de 2023
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o director executivo de Fulbright España, Alberto López, participaron esta tarde na xornada de presentación das bolsas Galicia-Fulbright para estudos artísticos. Unha liña de axudas na que Galicia é pioneira e que a Xunta convoca anualmente en colaboración coa Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América (Comisión Fulbright).
O titular do departamento educativo do Goberno galego animou á mocidade a participar neste programa, que ten como obxectivo que cinco mozos que teñan conexión con Galicia por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional poidan completar a súa formación nos Estados Unidos. Neste sentido, recordou que aínda está aberto o prazo para que os interesados presenten a súa solicitude para participar nesta experiencia, “unha oportunidade para ampliar a súa cualificación e para avanzar na súa especialización”.
Román Rodríguez destacou as bolsas Fulbright como “un dos máis recoñecidos e celebrados programas de mobilidade educativa de todo o planeta”, e lembrou que nos últimos 30 anos participaron nesta experiencia relevantes profesionais galegos que supoñen un exemplo de excelencia académica, creativa e profesional como o artista Francisco Leiro, o pintor Din Matamoro ou a dramaturga Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego entre os anos 2016 e 2019. No acto de hoxe participaron antigos bolseiros para explicar a súa experiencia.
Estas bolsas redundan tanto na mellora da calidade do traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional. Os interesados en participar neste programa de mobilidade poderán solicitalo ata o 12 de xaneiro de 2023 no web da Comisión. A duración da bolsa é de entre 6 e 12 meses continuados, que se desfrutarán entre agosto de 2023 e decembro de 2024.