A Xunta propón ao Concello de Vigo unha reunión técnica para lograr canto antes a aprobación do Plan Xeral

A delegada da Xunta en Vigo e directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informaron sobre os informes do PXOM vigués


Fernández-Tapias explicou que o Goberno local deberá solucionar as carencias que aínda subsisten en materia de Patrimonio Cultural e Infraestruturas


“Propoño ao Concello traballar da man para que Vigo conte cun ordenamento urbanístico que impulse e ordene o crecemento da nosa cidade ”, sinalou
 

Vigo, 26 de decembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, propuxeron este luns ao Concello de Vigo unha reunión entre técnicos do Goberno galego e da administración local para solventar as carencias que aínda existen para a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal vigués.

 

Nunha rolda de prensa celebrada na Delegación Territorial, a representante autonómica explicou que a Xunta emitiu xa informes de 15 organismos distintos, para abordar toda a complexidade do Plan en relación a cuestións de accesibilidade física e sensorial, de respecto á paisaxe e ao patrimonio natural, de planificación enerxética e de ordenación forestal, entre outros.

 

Fernández-Tapias indicou que deses 15 organismos que emitiron o seu informe, 13 foron positivos, pero dous, que se remitiron esta mesma mañá, foron desfavorables: os da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Axencia Galega de Infraestructuras (AXI). “Por iso, esta mesma mañá, xunto coa remisión dos últimos informes, propuxemos ao Concello unha reunión entre técnicos de cada administración, xunto ao equipo redactor do PXOM, para resolver estas últimas cuestións e lograr que se desbloquee esta situación canto antes”, apuntou.

 

Segundo indicou a delegada territorial, no caso de Patrimonio Cultural, trátase da terceira vez que se emite un informe negativo, posto que as dúas primeiras foron o 10 de agosto do 2020 e o 17 de xaneiro de 2022. “Os argumentos son sempre os mesmos, pero o Concello de Vigo aínda non emendou as deficiencias que apunta”, indicou.

 

Tal e como relatou, pídese que se fagan prospeccións do territorio para coñecer todos os bens culturais, telos adecuadamente localizados e evitar que o desenvolvemento urbanístico da cidade provoque danos. “A negativa do Concello a realizar estes estudos impide dispoñer dunha foto fixa actualizada do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnolóxico da cidade, que estamos obrigados a respectar e protexer”, engadiu.

 

O informe desfavorable da AXI vai no mesmo sentido do que se emitiu hai case un ano (13 de xaneiro). As principais carencias do PXOM neste capítulo son a ausencia dun estudo de tráfico nas estradas autonómicas que percorren Vigo, polo que non se pode acreditar que non vaian saturarse polo futuro desenvolvemento urbanístico, e que se impute á Xunta o custo de 85 millóns de euros dos seis últimos tramos da estrada PO-010 (Rolda A Balsa - Baruxáns) ao tratarse dun vial municipal en Beade.

 

“Que estes dous informes sigan sendo negativos, a pesar dos avisos previos, non é unha boa noticia. Non nos consola que haxa 13 que sexan favorables. Sería moito máis útil para Vigo que, en todos estes meses, o Concello rectificase as deficiencias en Patrimonio e Estradas. Non o fixo e, por iso, o Plan Xeral de Vigo vai sufrir un novo atraso. A cuestión, agora, é que este atraso sexa o mínimo posible”, dixo Fernández-Tapias.

 

A representante autonómica insistiu en que a obrigación da Xunta é cumprir a lei en materia de protección patrimonial e de ordenación viaria, mentres que a do Concello de Vigo é elaborar un plan que sexa autorizable. “O actual non o é, por iso poñemos aos técnicos autonómicos a disposición: para emendar os erros que nestes meses pasados non se emendaron. Estamos a tempo de arranxar a situación e estou convencida de que a forma para conseguilo é o diálogo”, sinalou.

 

“Confío en que este non sexa outro motivo de discusión, enfrontamento e malas palabras que non levan a ningún lado. Teño a determinación, e así o propuxemos ao Concello, de traballar da man para que Vigo conte por fin cun ordenamento urbanístico que impulse e ordene o crecemento da nosa cidade durante as próximas décadas”, concluíu Marta Fernández-Tapias. 

Imaxes relacionadas