A Xunta mellorou a seguridade nun treito da estrada LU-633 que coincide co Camiño Francés en Barreiros, no Concello de Sarria

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a actuación incluíu a instalación dunha pasarela de madeira e un valado, o acondicionamento do pavimento na zona pola que transitan os peóns e o reforzo da sinalización de advertencia de perigo

Sarria (Lugo), 28 de decembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de executar unha actuación de mellora da seguridade nun treito da estrada LU-633 que coincide co Camiño Francés ao seu paso polo núcleo de Barreiros, en Sarria.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos, realizados á altura do punto quilométrico 54 desta vía autonómica, onde se instalou unha pasarela de madeira e un valado, mellorouse o pavimento na zona pola que transitan os peóns, pintáronse bandas transversais de alerta e reforzouse a sinalización de advertencia de perigo. O investimento total foi de 12.200 euros.

 

Arias explicou que o Goberno galego ten en marcha este ano -en diferentes fases de execución – seis actuacións destas características no percorrido do Camiño Francés por Sarria, Triacastela, Samos e Portomarín, cinco delas na confluencia coa estradas LU-633 e unha na LU-637.

 

Forman parte das 23 intervencións programadas pola Xunta en 2022 para incrementar a seguridade en puntos conflitivos das diferentes rutas xacobeas que atravesan a provincia de Lugo, cun investimento que supera os 500.000 euros.

 

O Goberno galego continúa así co plan mellora de seguridade na rede viaria de titularidade autonómica no ámbito dos Camiños de Santiago en Galicia, que no anterior exercicio incluíu 36 actuacións en 13 estradas autonómicas de Lugo cun investimento de 466.800 euros.

Imaxes relacionadas