Rivo destaca na V Semana Universitaria da Economía Social da USC a aposta da Xunta por un modelo que xera riqueza no territorio e crea emprego inclusivo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, sinalou que a 2ª Estratexia da economía social ten accións a desenvolver deica 2027 aspirando a profesionalizar a economía social e a xerar 4.000 empregos e 400 novas entidades

Na súa intervención na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago de Compostela, Rivo amosouse convencida de que a mocidade -tamén a universitaria- e as mulleres terán moito que dicir para a consecución deses obxectivos

O orzamento da Xunta para a economía social supera este ano os 43,6 millóns de euros (un 3% máis) para avanzar na difusión deste modelo empresarial, na creación e consolidación de iniciativas e na promoción do emprego inclusivo

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou hoxe na clausura do acto central da V Semana Universitaria da Economía Social da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde puxo de relevo a segunda Estratexia da Xunta de Galicia para seguir consolidando este modelo empresarial que xera riqueza no territorio e que crea emprego inclusivo.

Na súa intervención, Rivo puxo a acción universitaria a prol da economía social como mostra da colaboración que vén mantendo o departamento que representa coa USC en materia de emprego e para acadar a igualdade de oportunidades. Para seguir facendo crecer esta fórmula económica solidaria e pegada ao territorio, xa está en marcha a Estratexia galega da economía social horizonte 2027: Economía social para unha Galicia sustentable, coa que se persegue xerar 4.000 empregos, crear 400 novas entidades e posicionar o modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable. 

A representante autonómica amosouse convencida de que a mocidade -tamén a universitaria- e as mulleres terán moito que dicir para cumprir estes obxectivos, nun marco no que se quere posicionar a economía social no conxunto da economía de mercado e nos distintos sectores grazas á súa transversalidade, poñendo o foco na mellora da capacitación das persoas, na maior competitividade das entidades e no reforzo do traballo en rede.  

Apostarase así pola posta en marcha dunha rede de aceleradoras, a través dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego; por atraer ideas e investimentos á economía social galega e por implantar programas para identificar oportunidades de negocio; así como por crear un campus formativo para a capacitación de axentes intermedios e persoal de xestoría. Entre as metas, atópase tamén a de reducir o tempo de constitución das entidades. Unha idea que se levará tamén á nova Lei de cooperativas, na que se está traballando da man do sector. 

Segundo o último Informe da economía social de Galicia 2022, elaborado precisamente polo Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (Cecoop) da USC co apoio da Xunta, as cooperativas seguen batendo récords grazas á maior creación de entidades da serie histórica e, ao tempo, Galicia sitúase como a terceira comunidade en constitución de sociedades laborais.

Orzamento da Xunta para economía social 

Para seguir dándolle pulo a esta fórmula empresarial, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reforza en 2024 o orzamento destinado a este ámbito, que aumenta nun 3% superando os 43,6 millóns de euros. Artellaranse en tres grandes eixes de actuación: a difusión da economía social, a creación e consolidación de iniciativas e a promoción do emprego inclusivo.

Así, no que levamos de ano xa se teñen convocado máis de 36 millóns de euros en axudas para apoiar a creación e consolidación de entidades da economía social e para impulsar desde esta o emprego inclusivo. Activáronse iniciativas de apoio aos Centros especiais de emprego (26 millóns), a empresas de inserción (1,5 millóns) ou para impulsar a transformación verde e dixital a través do Bono Consolida (2,7 millóns). 

 

Mobilizáronse ademais axudas por 5 millóns para apoiar o emprego en cooperativas e sociedades laborais a través do programa Aprol Economía Social e case 700.000 euros para que as 98 entidades que integran a Rede Eusumo desenvolvan accións de divulgación, formación e asesoramento como a celebrada hoxe en Santiago de Compostela. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024