O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente da área Sanitaria da Coruña e Cee, visitou a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica (Inibic)

Gómez Caamaño avanza que o Hospital público da Coruña contará o vindeiro ano cunha nova resonancia magnética

Na súa visita ao Inibic, o conselleiro remarca que este centro captou o pasado ano preto de nove millóns de euros, que contribuíron á posta en marcha de máis de 100 estudos clínicos

Remarca a importancia de poñer todo o talento investigador e médico do Hospital Público da Coruña ao servizo duns estudos de Medicina descentralizados para  formar desde Galicia os  mellores médicos

Incide en que o sentir maioritario pasa por apostar pola descentralización de todo o segundo ciclo de Medicina, dos cursos 4º, 5º e 6º, para que, tanto a docencia práctica como a parte teórica, poidan impartirse tamén na Coruña

Mentres as obras do Chuac avanzan a pleno rendemento, a Xunta impulsa un proxecto de mellora e ampliación de espazos que licitará este mesmo ano

Esa actuación abranguerá a reforma e ampliación das unidades de diálise e reanimación, a creación dunha unidade de probas funcionais de pneumoloxía e unha área de rehabilitación cardíaca e respiratoria

Ademais, ampliarase o ximnasio e a terapia ocupacional da unidade de lesionados medulares

A Coruña, 23 de setembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que o Hospital Público Universitario da Coruña contará o vindeiro ano cunha nova resonancia magnética. 

O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do xerente da área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, visitou a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Inibic. No acto tamén estiveron presentes a directora científica do Inibic, Mar Castellanos, e a directora científica da Fundación Inibic, Patricia Rey.

Na súa intervención no acto, o conselleiro incidiu na firme aposta que está a facer a Xunta pola investigación sanitaria, que se plasmou na consolidación dos investigadores como persoal estatutario do Sergas. Ademais, o Goberno galego está a tramitar o decreto para crear oficialmente a categoría estatutaria de persoal investigador sanitario.

Estas medidas beneficiarán a moitos dos 600 investigadores que conforman o Inibic, centro que o pasado ano captou preto de nove millóns de euros que contribuíron á posta en marcha de máis de 100 estudos clínicos.

Engadido ao anterior, o conselleiro destacou que o Inibic foi reacreditado polo Instituto de Saúde Carlos III, o que o sitúa dentro dun selecto grupo ao que só pertencen 35 centros en España.

Para Gómez Caamaño, todos estes fitos reflicten o impacto positivo que tivo a integración dos institutos de investigación sanitaria no sector público, o que, ademais, contribuíu a fortalecer a investigación biomédica na comunidade e a facilitar a colaboración entres os servizos de saúde públicos e as universidades.

Talento e experiencia ao servizo dos estudos de Medicina

O conselleiro puxo en valor a enorme calidade da sanidade e da investigación sanitaria que se realiza nos centros sanitarios públicos da Coruña e remarcou a importancia de poñer todo ese talento e experiencia ao servizo duns estudos de Medicina capaces de formar desde Galicia os mellores médicos.

Gómez Caamaño amosouse convencido de que unha descentralización efectiva do segundo ciclo de Medicina é o camiño máis racional e eficaz para chegar a ese obxectivo.

O conselleiro subliñou que o sentir maioritario pasa por apostar pola descentralización de todo o segundo ciclo de Medicina, dos cursos 4º, 5º e 6º para que, tanto a docencia práctica como a parte teórica, poidan impartirse tamén na Coruña.

O titular da carteira sanitaria da Xunta agarda que esa proposta xurdida do grupo de traballo acade finalmente o consenso que necesita de todas as partes.

Obras do novo hospital

Respecto das obras do novo hospital, o conselleiro incidiu no compromiso da Xunta con que os profesionais deste centro da rede do Sergas desenvolvan o seu traballo nas mellores instalacións e cos mellores equipos.

O Goberno galego considera prioritario o proxecto do Novo Chuac no que vai investir máis de 500 millóns de euros.

O conselleiro dixo que as obras avanzan a bo ritmo, tendo en conta que se trata dunha actuación de enorme complexidade e que implica realizar expropiacións, construír novos edificios e accesos, ademais de compatibilizalas cunha intensa actividade asistencial.

Ao respecto, Gómez Caamaño referiu que, mentres avanzan as obras, o seu departamento está a traballar na mellora e ampliación dos espazos actuais e, este mesmo ano, licitarase a redacción dun proxecto para a adecuación do equipamento de novos espazos con grandes beneficios.

Entre eses beneficios, o conselleiro citou a reforma e ampliación da unidade de diálise e a ampliación da unidade de reanimación; a reforma do antigo bloque cirúrxico para crear unha unidade de probas funcionais de pneumoloxía e áreas de rehabilitación cardíaca e respiratorias; e, ademais, a ampliación do ximnasio e terapia ocupacional da unidade de lesionados medulares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2025