O Sergas publica as puntuacións definitivas e finalización da fase de oposición para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería

Superaron a fase de oposición do proceso selectivo un total de 3.708 aspirantes na categoría de persoal de servizos xerais, e 7.553 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería

Ofértanse un total de 196 prazas na categoría de persoal de servizos xerais e 789 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, relativa ás puntuacións definitivas obtidas polos aspirantes presentados en cada un dos distintos exercicios e a finalización da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería. Estas dúas categorías realizaron os exames da fase de oposición o pasado mes de novembro, presentándose un total de 13.162 aspirantes, 4.783 persoas na  categoría de persoal de servizos xerais e 8.379 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería.

Ofértanse neste proceso selectivo, mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 196 prazas para a categoría de persoal de servizos xerais, das cales 76 corresponden á quenda de acceso libre, 97 a promoción interna, 9 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual; e 789 prazas para a categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería, das cales 337 corresponden á quenda de acceso libre, 395 a promoción interna, 43 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual.

Na categoría de persoal de servizos xerais presentáronse un total de 4.718 persoas aspirantes pola quenda de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, das cales aprobaron a fase de oposición 3.643 persoas, o que supón unha porcentaxe de aprobados do 77 %. Nesta mesma categoría, pola quenda de discapacidade intelectual presentáronse 65 persoas resultando todas aprobadas.

Na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería presentáronse un total de 8.365 aspirantes polas quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, resultando 7.540 persoas aprobadas, o que supón unha porcentaxe de aprobados do 90 %; pola quenda de discapacidade intelectual presentáronse 14 persoas, das cales aprobaron 13.

Na seguinte táboa recóllese o número de persoas presentadas e aprobadas por categoría:

CATEGORÍA

Nº aspirantes aprobados

TOTAL aspirantes presentados

Persoal de servizos xerais

3643

4718

Persoal de servizos xerais, quenda de discapacidade intelectual

65

65

Técnico en coidados auxiliares de enfermería

7540

8365

Técnico en coidados auxiliares de enfermería, quenda de discapacidade intelectual

13

14

Total Resultado

11261

13162

As puntuacións definitivas obtidas polos aspirantes presentados aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Con esta publicación declárase finalizada a fase de oposición dos referidos procesos selectivos.

O seguinte paso a seguir será a publicación dos listados coa baremación provisional da fase de concurso dos aspirantes que resultaron aptos nesta fase de oposición.

Próximas publicacións

Os días 3, 4 e 10 de febreiro realizáronse os procesos selectivos para un total de 14 categorías de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos. Tamén o pasado 16 de marzo se realizaron os exercicios da fase de oposición para un total de 37 categorías de persoal licenciado sanitario. En total, presentáronse a estas probas selectivas 16.703 persoas aspirantes. Logo de publicadas as plantillas provisionais de respostas está previsto que proximamente se publiquen as notas provisionais da fase de oposición.

Data de actualización: 22/03/2024