Patrimonio Cultural autoriza a humanización da rúa do Pazo de Bouzas incluída no Plan de Sustentabilidade Turística impulsado pola Xunta con fondos europeos

A Dirección Xeral comunicou ao Concello de Vigo a resolución favorable coa condición de realizar sondaxes avaliativas previas

O Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Cascos Históricos e Vilas Termais do Goberno galego inclúe 2 M€ para a mellora do barrio vigués

O proxecto tamén abordará a rexeneración do paseo do fronte marítimo, a creación de espazos verdes e a promoción da Festa da Brincadeira

Vigo, 3 de abril de 2024

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, vén de comunicar este mércores ao Concello de Vigo a autorización do proxecto de humanización da rúa do Pazo, en Bouzas. A obra, que conta cun orzamento de 350.000 euros, inclúese no Plan de Sustentabilidade Turística de Bouzas con 2 millóns de euros que a Xunta impulsa no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Vilas Termais e de Cascos Históricos con fondos europeos Next Generation.

O departamento autonómico responde á solicitude para levar a cabo a reforma no casco vello do barrio vigués coa achega do proxecto “Humanización da rúa do Pazo en Bouzas”. Así, segundo recolle a resolución de Patrimonio Cultural, cómpre realizar unha serie de “sondaxes avaliativas previas de carácter manual que deberán acadar o substrato natural para rexistrar no posible unha secuencia estratigráfica completa”.

Ademais, tamén indica que o proxecto “incluirá a posibilidade, se así se considera finalmente, da realización posterior ás sondaxes dun control arqueolóxico dos movementos de terras das obras”. Igualmente, Patrimonio especifica que antes da concesión da licenza municipal, o promotor deberá presentar o correspondente proxecto arqueolóxico, asinado por técnico competente, para a súa autorización.

Plan de Sustentabilidade Turística

O Consello da Xunta xa aprobou hai dúas semanas as primeiras actuacións do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Vilas Termais e Cascos Históricos da Xunta, no que está incluído o referente a Bouzas, que ten unha achega de 2 millóns de euros. Entre outras accións, o plan inclúe a rexeneración do paseo do fronte marítimo do barrio vigués, a creación de novos espazos verdes e a promoción da Festa da Brincadeira.

Catro eixos definidos

A intervención proposta na vila de Bouzas baséase en catro eixos definidos co fin de consolidar un circuíto de transformación e dinamización do emblemático casco histórico da parroquia que tivera consideración de municipio a mediados do século XIX. Así, a través da súa rehabilitación e articulación, o obxectivo é xerar espazos de convivencia entre turistas e residentes.

Plan de Enogastronomía

Ademais, esta semana será a quenda da autorización do convenio para o Plan de Sustentabilidade Turística para o Concello de Vigo por outros 2 millóns de euros, incluído no Plan Territorial de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía impulsado polo Goberno autonómico.

Data de actualización: 03/04/2024