Xunta e Pymar formalizan o acordo para a extensión do fondo de garantías navais a toda a cadea de valor do sector

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, e a conselleira delegada de Pymar, Almudena López del Pozo, asinaron hoxe a addenda ao convenio que regula este fondo

En virtude desta addenda, amplíase a concesión de garantías, ademais de aos estaleiros privados e aos armadores, ás empresas vinculadas á construción naval, co fin de promover a diversificación e impulsar o crecemento desta industria no seu conxunto

Darase cobertura, tamén, ás operacións de construción, reparación e modernización de artefactos flotantes navais e plataformas fixas para proxectos de enerxía renovable, así como dos seus compoñentes e servizos

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe coa conselleira delegada de Pymar, Almudena López del Pozo, a addenda ao convenio que regula o Fondo de Garantías Navais, que fai extensivo este instrumento financeiro a toda a cadea de valor do sector.

En virtude desta addenda, amplíase a concesión de garantías, ademais de aos estaleiros privados e aos armadores, ás empresas vinculadas á construción naval, co fin de promover a diversificación e impulsar o crecemento desta industria no seu conxunto. Grazas a este acordo, as pemes galegas da industria naval e do sector das enerxías renovables terán a posibilidade de asumir contratos que lles permitirán  crecer, abordar novas oportunidades  e garantir os postos de traballo.

Así, darase cobertura non só ás operacións de construción, reparación e modernización de buques, senón tamén de artefactos flotantes navais e plataformas fixas para proxectos de enerxía renovable, así como os seus compoñentes e servizos. De igual xeito, mellóranse os límites das garantías que se poden conceder con cargo a este fondo. En función da tipoloxía de proxectos e entidades garantidas, o límite máximo de risco afianzado pasa do 30 % ao 50 %, mentres que a duración máxima das garantías de financiamento a armadores increméntanse dos 12 ata os 15 anos.

Cómpre salientar que, ata o de agora, o fondo atendía á construción de buques, polo que a ampliación nesta concesión de garantías a toda a cadea de valor beneficiará a distintas empresas da industria naval galega, contribuíndo a incrementar a súa sustentabilidade ambiental, a súa eficiencia enerxética e o seu nivel de dixitalización e competitividade.

Este acordo enmárcase dentro da relación de colaboración que manteñen a Xunta de Galicia e Pymar, e que propiciou nos últimos anos o deseño e coordinación de proxectos de apoio para a industria naval galega, como as 149 operacións de construción naval garantidas ata hoxe mediante os fondos xestionados por Pymar que contan con achegas da Xunta de Galicia a través do Igape. Estas garantías, por un importe total de 1.800 M€, permitiron a construción de 82 buques en estaleiros privados galegos, cun investimento conxunto superior aos 3.000 M€.

Galicia pechou o último ano cunha carteira de pedidos composta por 26 buques, cun importe total superior aos 870 M€, que xeraron máis de 5,2 M€ de traballo. Estas cifras supoñen un incremento do 22 % fronte ao volume da carteira do ano anterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2024