A Xunta comeza as obras de mellora do firme na estrada OU-311 ao paso polo concello da Mezquita

Esta actuación forma parte dun contrato que inclúe o acondicionamento da capa de rodaxe noutras 3 estradas nos municipios de Castrelo do Val, Laza, Sarreaus, Verín, Vilardevós e Vilar de Barrio, cun investimento global de 1,2 M€

As intervencións, cun prazo de 6 meses, consisten na rehabilitación mediante o fresado e a reposición do firme, ademais do repintado das marcas viarias

Incluiranse outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado das marxes das estradas e a execución de gabias de seguridade

A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2024

A Xunta vén de comezar as obras de mellora do firme na estrada OU-311 ao paso polo concello da Mezquita.

Esta actuación forma parte dun contrato máis amplo que inclúe a rehabilitación da capa de rodaxe nas estradas OU-113, OU-114 e OU-310, nos concellos de Castrelo do Val, Laza, Sarreaus, Verín, Vilardevós e Vilar de Barrio, cun investimento global de 1,2 M€.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 6 meses, iniciáronse na estrada OU-311 e continuarán tamén nas outras vías que inclúe o citado contrato.

As intervencións consisten na rehabilitación superficial do firme destas vías autonómicas mediante o seu fresado e reposición, completando as tarefas co repintado da sinalización horizontal.

Ademais, inclúense tamén neste contrato outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado das marxes das estradas e a execución de gabias de seguridade.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2024