Estabilizado o incendio forestal en Crecente (Pontevedra)

Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unha superficie de arredor de 170 ha

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2024

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Angudes, está estabilizado dende as 14,40 h. deste mediodía. O lume empezou onte ás 19,57 h. en ata tres focos simultáneos, o que apunta á súa intencionalidade. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 170 hectáreas.

Polo de agora, para participar nos labores de extinción deste incendio mobilizáronse, en conxunto, 3 técnicos, 26 axentes, 50 brigadas, 23 motobombas, 2 pas, 2 avións e 4 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

 

Data de actualización: 16/04/2024