A Xunta inviste máis de 96.300 € en melloras de saneamento e eficiencia enerxética no concello de Covelo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou a localidade para coñecer o resultado das accións executadas no marco das axudas do Fondo de Compensación Ambiental e do Fondo de Cooperación Local 

A Xunta colaborou en 2023 na mellora da eficiencia enerxética da iluminación interior do polideportivo municipal e na execución dun ramal de saneamento e bombeo

Covelo (Pontevedra), 26 de abril de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe Covelo para coñecer diversas melloras executadas en 2023 ao abeiro das liñas de axudas ao eido local. Neste marco de acción, o Goberno galego destinou máis de máis de 96.300 euros á mellora da eficiencia enerxética da instalación de iluminación interior do polideportivo municipal, así como á execución do ramal de saneamento e bombeo no núcleo de Maceira.

A execución do ramal de saneamento e bombeo en Maceira contou cunha achega da Xunta de máis de 69.700 euros que permitiu que este servizo chegue a todas as vivendas grazas a ampliación da rede de colectores. Os traballos incluíron a construción dun colector de saneamento e dun pozo de bombeo, así como a instalación dun cadro eléctrico. A colaboración do Goberno galego neste proxecto materializouse a través da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, destinado a apoiar os concellos nas melloras que repercutan no medio natural e na eficiencia enerxética das instalacións municipais.

Por outra banda, no polideportivo municipal substituíronse as luminarias por lámpadas de tecnoloxía LED máis eficientes co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética da iluminación interior das instalacións. A axuda da Xunta ascendeu a máis de 26.500 euros no marco dunha das liñas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) dirixida precisamente a acadar un maior aforro de enerxía nos edificios de titularidade municipal. Canto ao fondo base do FCL, o concello de Covelo recibiu o ano pasado máis de 206.300 euros.

Segundo indicou a directora xeral, nos últimos anos, o apoio do Goberno galego a diferentes actuacións no marco de distintos convenios e  das liñas de axudas a infraestruturas e melloras ambientais supera os 1,4 millóns de euros.

Natalia Prieto lembrou que o compromiso da Xunta coas entidades locais reflíctese tamén nos orzamentos deste exercicio e xa se lanzaron as novas convocatorias da Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, e do Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros de orzamento. A estas liñas engádeselles o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, con 5 millóns de euros, e como novidade, unha orde plurianual destinada a obras de mellora enerxética, cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder para o período 2024-2025.

A través destas medidas, ao longo de 2023 investíronse 27,2 millóns de euros no impulso a máis de 600 proxectos municipais. A directora xeral enmarcou estes apoios no compromiso do Goberno galego co eido local e, especialmente, coa veciñanza dos concellos de menor poboación para garantir recursos públicos de calidade en todo o territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2024