A Xunta recoñece como agrupacións forestais de xestión conxunta ás asociacións que xestionan os soutos de Parada de Sil e de Tuxe e Cambela, no Bolo

Inscribiranse no rexistro de agrupacións forestais de xestión conxunta un total de 194,24 hectáreas de soutos, cun total de 157 persoas socias e 1.097 parcelas catastrais

Os soutos forman parte do Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta dos Soutos que ten como obxectivo a recuperación do potencial forestal galego

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2024

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal vén de recoñecer como agrupacións forestais de xestión conxunta as tres asociacións que xestionan os soutos de Tuxe e Cambela, no concello ourensán do Bolo e do souto Parada de Sil, situado nesta mesma localidade. En concreto, inscríbense 48 hectáreas do souto de Tuxe, 36,10 hectáreas do souto de Cambela e 110,14 hectáreas no souto de Parada de Sil, facendo un total 194,24 hectáreas.

A Asociación de Propietarios de Soutos de Tuxe-A Senra é unhas das entidades recoñecidas e conta con 28 persoas socias e 134 parcelas catastrais. Por outra banda, a Asociación propietarios de Soutos de Cambela–Os Palmeiros agrupa a 16 socios e 136 parcelas catastrais, e a Asociación de propietarios de soutos de Parada de Sil Canón do Sil xestionada por 113 persoas socias e dispón de 827 parcelas catastrais, que en total suman 157 persoas socias e 1.097 parcelas catastrais. Estas asociacións teñen como obxectivo a xestión conxunta destes soutos.

Cabe sinalar que, na actualidade, hai xa 19 entidades inscritas no rexistro de agrupacións forestais de xestión conxunta en Galicia cunha superficie total de 3.145 hectáreas, se ben estas agrupacións son as primeiras asociacións sen ánimo de lucro que xorden da iniciativa dos propietarios de soutos.

Tramitación electrónica

Tendo en conta toda a riqueza forestal da nosa comunidade e a potencialidade da xestión conxunta, a Xunta publicou a orde que regula a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta. Recoñeceranse as entidades cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais e xestionen unha superficie mínima de monte de 10 hectáreas, e deberán acreditar as disposición dos dereitos de uso cunha porcentaxe superior ao 70% da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa. Ademais, as persoas que formen parte da agrupación deberán asinar a cesión da planificación da xestión forestal ou ben a representación para a xestión e comercialización conxunta durante un prazo mínimo de 10 anos.

O recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta pretende favorecer a xestión conxunta e sostible do terreos forestais, a súa recuperación e impedir o seu abandono, favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta, servir como instrumento para a conservación do medio ambiente, a prevención e defensa contra os incendios forestais, a protección fronte a catástrofes e adaptación contra o cambio climático, ademais da creación de emprego e aumenta da calidade de vida no medio rural.

Achegas para constituír agrupacións forestais de xestión conxunta

Para fomentar a creación destas agrupacións a Consellería do Medio Rural convocou, un orzamento de preto de 2,4 millóns de euros, axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal, en réxime de concorrencia competitiva, a través de tres liñas de axuda. En concreto a liña III é de axudas para a creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta, cunha asignación de crédito total de 1.798.931 euros; estando o prazo de presentación de solicitudes aberto hasta o día 10 de maio.

Esta convocatoria de axudas está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica; concretamente contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do eixe III 1.2 do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta dos Soutos

Estes soutos forman parte do Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta dos Soutos posto en marcha pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.  No marco desta iniciativa, seleccionáronse sete soutos en Lugo e Ourense en función de diferentes criterios técnicos, como son a representatividade das zonas de soutos de Galicia, a selección en concellos prioritarios da clasificación efectuada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a representatividade dentro da diversidade actual dos soutos, e outros valores adicionais coma os medioambientais e patrimoniais.

O obxecto deste Plan de acción é a execución dos traballos necesarios para conseguir a recuperación do potencial forestal, co fin de impulsar un novo aproveitamento económico dos soutos que garantan a súa supervivencia. Os traballos deste Plan piloto  seguen avanzando co recoñecemento destas Agrupacións forestais de xestión conxunta que incluíron os traballos de investigación da propiedade, tramitación administrativa para a constitución da agrupación e véñense complementando coa limpeza de pistas de acceso aos soutos, co obxectivo de acometer accións de rexeneración e mellora destes soutos tradicionais.

Á súa vez, este Plan piloto forma parte das actuacións definidas no Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña que contribúe ao fomento dos recursos forestais non madeireiros. O desenvolvemento deste programa é a ferramenta que guía e orienta as liñas de actuación coa finalidade de acadar os obxectivos no horizonte temporal 2021-2040 e foi presentado ao Consello da Xunta o 25 de maio de 2022.  Establece cinco eixes de actuación as 36 actuacións que se desenvolverán entre os anos 2022 e 2040 para contribuír á conservación e posta en valor das masas de castiñeiro.

Data de actualización: 28/04/2024