Ana Ortiz anima aos emprendedores vigueses a facer o “seu bo camiño” co impulso da Xunta e a través do evento The Way Startup Summit 2024

A delegada territorial participou este venres na presentación do foro de emprendemento que acollerá Vigo o vindeiro mes de maio

Ortiz puxo en valor a Rede de Polos que, con 13 centros en Galicia, xa asesorou ao redor de 1.600 novos proxectos empresariais en menos dous anos

Vigo, 26 de abril de 2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este venres na presentación do evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. Durante a presentación da iniciativa, a representante autonómica animou aos emprendedores vigueses a facer o “seu bo camiño” coa axuda das ferramentas postas en marcha polo Goberno galego a través da Consellería de Emprego.

“E sen dúbida escollestes moi ben cando chegades a Vigo, elixistes moi ben porque o noso Camiño da Costa non só é o máis bonito, senón que é o máis moderno e o que ten máis futuro. Porque Vigo é a Meca do emprendemento galego, o lugar no que todo é posible para aqueles que teñen talento e esfórzanse “, sinalou a delegada en referencia ao ideario dos organizadores como peregrinos do emprendemento a través do Camiño de Santiago.

Acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, así como do coordinador e promotor deste congreso, Lalo García, a representante da Xunta referiuse ao lanzamento do denominado Mapa de Emprendemento, un espazo virtual que integra por primeira vez o ecosistema galego de apoio ao emprendemento con todos axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio.

Así, Ana Ortiz destacou que a Xunta seguirá a impulsar o emprendemento e fará un “esforzo importante” para reforzar o acompañamento ás persoas cunha idea de negocio e referiuse á Rede de Polos que, con 13 centros abertos, estase a consolidar como dinamizadora da economía, en especial no rural, ao se nutrir das novas ideas e oportunidades relacionadas, entre outros ámbitos, coa tecnoloxía, o turismo, as enerxías renovables ou as producións orgánicas.

 

Programación

O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles.  The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2024