Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día mundial da seguridade e saúde no traballo

A Xunta de Galicia, con motivo do Día mundial da seguridade e saúde no traballo, que se conmemora o día 28 de abril, quere reiterar un ano máis, o seu firme compromiso co emprego de calidade, co convencemento de que o primeiro chanzo pasa por garantir a seguridade e a saúde mediante unha adecuada xestión dos riscos laborais nos lugares de traballo.

A Organización Internacional do Traballo (OIT) escolleu como lema para o ano 2024 Repercusións do cambio climático na seguridade e a saúde no traballo co gallo de analizar os desafíos que presenta para a poboación traballadora e para as empresas. Algúns exemplos de riscos laborais agravados polo cambio climático son o estrés térmico, a radiación UV, a contaminación atmosférica, os accidentes industriais graves, os fenómenos meteorolóxicos extremos, o aumento das enfermidades transmitidas por vectores e a maior exposición aos produtos fitosanitarios.

Todos estes riscos inciden no crecemento económico, no emprego e a saúde e precisan de actuacións para evitar ou minimizar as súas consecuencias na poboación traballadora.

Galicia, ademais de participar nas estratexias a nivel europeo e nacional neste ámbito, conta cun marco propio configurado pola Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027, froito do consenso coas organizacións sindicais e empresarial galega, que se converten nos principais motores para asentar no día a día a prevención de riscos laborais, e avanzar cara ao benestar laboral nas empresas galegas, combatendo desde a orixe os riscos e, polo tanto, a lacra da sinistralidade laboral.

Nesta estratexia contémplanse obxectivos e actuacións dirixidos aos novos escenarios e novas realidades do traballo, sen descoidar sectores aos que se dedica unha actuación prioritaria e preferente desde o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga).

É preciso reforzar a prevención de riscos laborais nos traballos que, en xeral, se desenvolven no exterior e en sectores ou actividades especialmente afectadas polas condicións meteorolóxicas como son a pesca, o marisqueo, o traballo das redeiras ou a construción.

Desde a Xunta seguiremos a facer fincapé tamén nos traballos de altura, na colocación de paneis solares e na actividade forestal.

Desde a Administración autonómica queremos, así mesmo, neste Día mundial da seguridade e saúde no traballo, poñer en valor e recoñecer o labor do persoal técnico en prevención de riscos laborais que día a día asesora e conciencia sobre a importancia de adoptar medidas preventivas no lugar de traballo. Os riscos laborais son cada vez máis complexos e necesitan dunha implicación de todo o ámbito empresarial, da colaboración das traballadoras e traballadores e da axuda, a través do exercicio das súas funcións, da Administración laboral e sanitaria.

O Goberno galego amosa o seu compromiso coa seguridade e saúde no traballo porque é a súa obriga vixiar que se cumpre coas medidas preventivas. Estamos vixiantes porque o máis importante son as vidas das persoas.

Con espazos de traballo seguros avanzaremos na consolidación da calidade do emprego. Continuamos, polo tanto, incidindo na creación de contornas de traballo saudables e sostibles, que teñan como valor fundamental a seguridade e a saúde integral das persoas traballadoras e o crecemento económico e social das empresas e das organizacións. O reto é lograr un verdadeiro estado do benestar que teña como centro as persoas.

Data de actualización: 28/04/2024