Patrimonio cultural autoriza a reforma da Avenida de Madrid solicitada polo Concello de Vigo en marzo

A Dirección Xeral comunicou ao Concello de Vigo a resolución favorable á petición realizada o pasado 1 de marzo

Vigo, 29 de abril de 2024

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, vén de comunicar este luns ao Concello de Vigo a autorización do proxecto de construción da remodelación da Avenida de Madrid que solicitada o Goberno municipal o pasado mes de marzo.

O departamento autonómico responde así á solicitude para levar a cabo a reforma da avenida de Madrid, tramo da autovía A-55 entre a Praza de España e a intersección en glorieta partida coa rúa Gandarón. A resolución explica que na contorna de protección existen varios elementos catalogados (Pazo, Xardíns e Capela de San Roque, Policlínico Cíes, Colexio Fogar e Pazo da Raposeira-Lameiro), polo que lembra que as intervencións que se realicen “resultarán harmoniosas coas condicións características do ámbito”.

Así, o informe de arquitectura engade que “deberán procurar a súa integración en materiais, sistemas construtivos, volume, tipoloxía e cromatismo, así como garantir a contemplación adecuada do ben catalogado”.

Ademais, segundo explica a resolución respecto do informe técnico arqueolóxico, o ámbito da actuación “está fora de contornos de protección de xacementos arqueolóxicos coñecidos e próximos”. Desta maneira, Patrimonio Cultural afirma que “conforme ao exposto e desde o punto de vista arqueolóxico non hai impedimento na execución” do proxecto presentado o 1 de marzo de 2024. 

Data de actualización: 29/04/2024