Rueda asiste á toma de posesión do novos directores xerais da Loita contra a Violencia de Xénero e de Promoción da Igualdade

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá á toma de posesión de Roberto Barba como director xeral da Loita contra a Violencia de Xénero e de María Quintiana como directora xeral de Promoción da Igualdade. Trátase de dous organismos de recente creación ao subdividir á antiga Secretaría Xeral de Igualdade. 

Roberto Barba era na actualidade maxistrado do Xulgado de Violencia de Xénero número 1 da Coruña -posto que desempeñaba desde 2022- e ten unha dilatada carreira no eido xudicial desde 2007, pasando por xulgados de Betanzos, O Barco de Valdeorras ou Lugo. No 2015 foi nomeado maxistrado polo Consello Xeral do Poder Xudicial. 

Pola súa banda, María Quintiana asume o cargo tras exercer durante os últimos seis anos tarefas de asesoría de comunicación na Presidencia da Xunta e coordinar as redes sociais. Licenciada en Xornalismo, conta cun mestrado en Dirección de Comunicación Corporativa. 

Durante a toma de posesión, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou que coa creación destas dúas direccións xerais, Galicia convértese na única Comunidade de toda España en contar con áreas especializadas nestes dous ámbitos, o que significa redobrar os esforzos nesta materia. “Continuaremos a traballar para que Galicia sexa unha terra máis diversa, máis igualitaria e máis plural”, concluíu. 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2024